xornada.

Recepcións de Heidegger en Galicia

Do 3 ao 4 de xuño de 2009
Compartir:
Información
M. Heidegger foi, sen dúbida, unha das figuras filosóficas que máis influíu na cultura galega do século pasado. Celestino Fernández de la Vega, X. Rof Carballo, Domingo García-Sabell e o propio Ramón Piñeiro, na posguerra, tiveron como pano de fondo do seu labor intelectual o pensamento do filósofo alemán; e, xa posteriormente, a súa influencia déixase notar de modo máis difuso nos escritos de autores recentes. Estas xornadas pretenden examinar a diversa influencia en Galicia do pensamento de M. Heidegger, distinguindo dous momentos na recepción do seu pensamento, o primeiro na posguerra e o segundo na democracia. Por que nos anos 50 en Galicia se recibe preferentemente a Heidegger e non a outro autor? Que tipo de recepción establece a tradición galeguista con Heidegger e desde que presupostos? Bebeu a filosofía da saudade de Ramón Piñeiro directamente de Heidegger ou foi a súa unha relación máis ben lateral e epidérmica? Que Heidegger se recibe despois e desde que tradicións? Velaquí algunhas das preguntas que tratarán de responder estas xornadas. Esta esculca ficaría eivada se non se acudise ao contexto europeo e español da época para explicar a difusión polimorfa do pensamento dun dos filósofos máis importantes do século XX.
Ficha técnica
Recepcións de Heidegger en Galicia
Recepcións de Heidegger en Galicia
Xornada. Do 3 ao 4 de xuño de 2009