As bandas de música na cerna da cultura popular de Galicia

Venres, 15 de novembro de 2013
As bandas de música na cerna da cultura popular de Galicia

Desde hai xa máis de século e medio, veñen as bandas de música enchendo de sons no aire, as prazas e as rúas, os turreiros e as corredoiras de todo o país. Foron sen dúbida polo alcance da súa presenza, tanto numérica como cualitativamente, unha parte indispensable na vida civil e relixiosa das nosas vilas, cidades e aldeas, e, en xeral, na paisaxe sonora de Galicia. Afastadas do primeiro plano da escena cultural ao longo da segunda metade do século XX, por mor dos cambios profundos experimentados nos hábitos do consumo musical e do lecer, foron capaces de abordar nestes últimos trinta anos unha fonda renovación desde dentro e, en virtude dela, de restablecer coa sociedade galega os nexos que permiten afirmar hoxe a súa vizosidade e confiar no seu futuro.

Tan presentes e, non obstante, tan ausentes nos espazos do pensamento sobre a cultura do país, quérese con este encontro traelas ao primeiro plano desta reflexión: evocar aquel pasado, que formaba parte de todo un mundo xa ido, aínda que presente en moitos dos elementos da nosa cultura musical actual; avaliar o estado e as perspectivas da investigación ao redor desta parcela tan relevante do patrimonio cultural inmaterial de Galicia; analizar os cambios acaecidos no seu seo nos últimos decenios –os repertorios, a actividade formativa, as estruturas organizativas, etc. Son estas algunhas das liñas ao redor das que pretende xirar este encontro, aberto e plural, como a realidade mesma das bandas de música e dos seus públicos.

Conectate o Consello da Cultura Galega en Facebook, Twitter ou comparte esta nova: