simposio.

Da civilización á cultura: Rosendo Salvado e o mundo aborixe

Consello da Cultura Galega, 3 e 4 de abril de 2014
Compartir:
Información
Accede o especial onde ver todas as accións que o CCG realizará para dar a coñecer a memoria de Rosendo Salvado No bicentenario do seu nacemento (Tui 1814), a figura e a obra extraordinarias de Rosendo Salvado seguen a reclamar cumprida atención sobre quen, con Sarmiento e Feijoo, integra o abano excepcional de bieitos que Galicia achegou á historia universal da cultura e do pensamento. Da súa polifacética actividade de escritor, músico, naturalista, antropólogo e líder relixioso entre outras, este Congreso centrarase nos seus esforzados traballos canda o mundo aborixe, desenvoltos na comunidade beneditina de Nova Nursia en Australia Occidental. A visión dominante da época, da man da idea da superioridade da raza branca, o darwinismo social e as premas da explotación económica, consideraba os aborixes como pobo que se ía extinguir en razón da súa suposta inferioridade racial, a cal os incapacitaba de vez, física e psicoloxicamente, para acadar os logros da civilización. Enfrontándose radicalmente con eses supostos, o obxectivo sobranceiro de Salvado, na súa prolongada relación co pobo indíxena, foi, pola contra, a de «civilizar os nativos sen aniquilalos». Para Salvado nada había inscrito no destino dos seres humanos nin nos designios de Deus que apuntase con inevitábel necesidade á desaparición das comunidades indíxenas australianas. O seu descenso demográfico era causado polas novas enfermidades achegadas polos colonizadores brancos, polo envelenamento por arsénico e polo xenocidio sistemático dos colonizadores. A longa aprendizaxe do contacto sobre o ermo traduciuse nunha crítica lucidez que Salvado predicou sen desmaio durante anos: a «civilización» occidental tiña que perder o seu imperial universalismo para achegarse con modestia á cultura das comunidades aborixes. O coñecemento local, baseado nunha estreita convivencia, aprendizaxe de tradicións nativas, música, bailes e mitos, concitábase na creativa síntese misioneira de Salvado, coas achegas das ciencias sociais (antropoloxía, estatística social). Fronte á imposición dun modelo europeo de sociedade, foi a súa unha vida orientada á educación atenta ao contexto, á posta en valor do exercicio ao aire libre, a aprendizaxe de técnicas de traballo agrícola e sempre desde o respecto ás tradicións culturais dos nativos. Foi o seu un singular horizonte de aprendizaxe gradual da man dunha fusión cultural que se amosa quer nos seus esforzos de conectar os mitos aborixes coa relixión cristiá, quer na utilización da música como ámbito de encontro entre culturas. A autodeterminación da comunidade aborixe, nas antípodas do colonialismo, érguese para Salvado como ámbito sobranceiro de sentido da pertenza, do recoñecemento da diferenza, no que o cultivo do «autointerese» vital do pobo nativo se presenta, e complementa a base social do seu autorrespecto e a súa dignidade.
Ficha técnica
Da civilización á cultura: Rosendo Salvado e o mundo aborixe
Da civilización á cultura: Rosendo Salvado e o mundo aborixe
Simposio. Consello da Cultura Galega, 3 e 4 de abril de 2014
Comisión organizadora
Francisco Díaz-Fierros Viqueira
Segundo L. Pérez López
Coordinación
Ramón Máiz Suárez
Ámbito
Comisión de Acción Exterior (CCG)

Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2º andar
Praza do Obradoiro s/n
15705 Santiago de Compostela
Participante
Brais González
Karen Ryder
Paul Willaway
Presenta
Enrique Jiménez
Relator/a
Susan Ballyn
Giulio Cipollone
Peter Hocking
Antonio Linage
María Xesús Lorenzo Modia
Doireann MacDermott
Ramón Máiz Suárez
Tiffany Shellam