Lino Novás Calvo (Grañas do Sor, 1903-Lake Worth, FLorida 1983) é un escritor formado en Cuba, a onde emigrou sendo case un neno. Na cidade da Habana traballou en diversos oficios (dependente, libreiro, taxista ou “fotinguero”), pero sen renunciar a unha formación literaria sólida e a un coñecemento de idiomas, como o francés e o inglés, que serían fundamentais na súa carreira de escritor, de xornalista, de tradutor e de profesor na Universidade de Siracusa, durante o seu exilio a partir de 1960. Nunha curta autobiografía que lle enviou ao hispanista alemán W. Pabst en 1932, el mesmo se define: “no soy español ni cubano: soy un emigrante”.
Pero a súa biografía non é a do emigrante anónimo. El logrou converterse nun escritor de referencia en Cuba e en España, a partir da publicación do seu romance El negrero (Madrid, 1933) e logo de diversos volumes de contos (La luna nona, Bos Aires, 1942; Cayo Canas, 1946; Maneras de contar, Nova York, 1970 e, de forma póstuma, Otras maneras de contar, Barcelona, 2005). Lino Novás Calvo foi tamén un xornalista excepcional, correspondente de revistas como Orbe e xefe de redacción de Bohemia, a revista literaria máis famosa de Cuba. Foi tamén tradutor, tarefa en que comezou a destacar durante a súa estadía en España (cando traduciu libros de A. Huxley, D. H. Lawrence ou H. de Balzac), e logo, nos vinte anos que pasou de novo na Habana (1940/1960), converteuse en tradutor especializado en W. Faulkner e, sobre todo, en E. Hemingway, quen persoalmente esixiu que fose Lino Novás Calvo o que fixese a versión española de obras como El viejo y el mar.
Lino Novás Calvo é un autor que ten un saibo cubano por aprendizaxe, pero inequivocamente galego por tradición familiar e mesmo cultural, aprendido na súa infancia ortegana mais tamén no intenso contacto que mantivo na capital cubana coa colonia inmigrante galega. El nunca negou as súas orixes, pero non foi dos emigrantes que esperaban ser recoñecidos nos seus lugares de procedencia. As feridas dunha difícil infancia e a súa condición de fillo de solteira marcaron a ferro as febras máis íntimas da súa personalidade. Cando veu a España en 1931, comezou o seu periplo de regreso pola súa aldea natal, pero nunca máis voltou, se ben mantivo relación epistolar coa súa familia.
Exiliado coa súa muller e a súa única filla nos Estados Unidos desde 1960, parecería terse perdida a súa relación coa terra natal. Pero a súa filla, Himilce Novas, atendeu unha voz interior que lle dicía que seu pai e a súa obra debían retornar a Galicia. E, por esta razón, entregou ao Consello da Cultura Galega os documentos que conservaba del: orixinais de contos ou de artigos de xornal, datos biográficos persoais, libros traducidos, números especiais de revistas…, ata os seus propios lentes chegaron no donativo feito por Himilce Novas, nun acto de xenerosidade que non é doado de corresponder, pero que moito agradecemos.
O noso compromiso foi preservar este legado e contribuír á mellor difusión da obra de Lino Novás Calvo. O primeiro paso foi dixitalizar os fondos recibidos, que progresivamente serán difundidos na internet, de modo que esta figura galaica, cubana e mesmo americana poderá ser mellor coñecida e estudada. O segundo paso é a organización destas Xornadas Lino Novás Calvo, nas que participarán expertos sobre a súa obra e o seu tempo, e nas que tamén nos acompañará a súa filla, Himilce. Todo contribúe a que se produza un retorno de Lino Novás Calvo á súa Galicia natal, que queremos entender que é “aquel lugar de donde me llaman”, como reza o título dun dos seus máis fermosos contos.