seminario

Novas mobilidades nun contexto de crise. Retos da emigración para a sociedade galega

21 e 22 de outubro de 2014
Novas mobilidades nun contexto de crise. Retos da emigración para a sociedade galega

Nos últimos anos, o impacto da crise trouxo consigo un cambio do ciclo migratorio galego. A principios do presente século, durante a fase de crecemento económico, a chegada de inmigrantes (xa fosen estranxeiros ou “retornados”) protagonizou o discurso social, mediático e político, e converteuse no foco de interese das investigacións sobre mobilidades levadas a cabo en Galicia. Non obstante, o impacto da crise implicou un interese crecente polo cambio do ciclo migratorio e sitúa actualmente o foco de atención nos novos fluxos de saída de cidadáns galegos ao exterior.

Esta problemática foi aínda pouco estudada e non escapa á nosa consideración a súa complexidade. Detrás das cifras de cidadáns españois que están saíndo actualmente de Galicia, agóchanse realidades sociais moi diversas: mozas e mozos galegos que buscan un posto de traballo no exterior; inmigrantes de orixe estranxeira, naturalizados, que retornan aos seus países ou que fan as maletas para instalarse noutras contornas economicamente máis prósperas; retornados galegos (aqueles que no seu día foron emigrantes, ou os seus descendentes, que volveron a Galicia atraídos pola época de prosperidade) e que regresan aos seus antigos países de emigración (Suíza, Alemaña, Arxentina, etc.), estudantes… A isto cómpre sumarlle outro tipo de mobilidades (transfronteirizas, migracións circulares de ida e volta, etc.).

Estas xornadas pretenden sacar á luz estas realidades diversas mediante unha estimación da súa magnitude, o esclarecemento da dificultade que entraña a explotación das fontes estatísticas e o estudo dos retos políticos e sociais que comportan estas novas mobilidades para a sociedade galega.

Conectate o Consello da Cultura Galega en Facebook, Twitter ou comparte esta nova: