Albert Camus

3 e 4 de decembro de 2014
Albert Camus

Poucas veces na nosa modernidade, época de fragmentacións, se atoparon tan brillantemente fundidas a obra e a persoa, a experiencia e o pensamento. É imposible disociar un e outro cando falamos de Albert Camus. Boa parte do seu permanente atractivo reside aí, nesa autenticidade. Seguen a interesarnos os seus problemas: a cuestión do sentido ou o sen-sentido, da soidade e a culpa, da acción e a decisión, da violencia, do nexo entre ética e política... pero tamén aquilo que caracterizou o seu autor: o compromiso, o seu papel en Combat, na Resistencia antinazi, a posición fronte ao comunismo e o anticomunismo, a guerra de Alxeria, a súa figura como intelectual...

Son varias as xeracións moi especialmente influídas polo seu pensamento e talante vital. El xunto con outras figuras do existencialismo constituíron un referente de ideas, valores e formas de vida, unha constelación cuxa luz tivo tamén o seu reflexo no espazo do que se facía en Galicia. O ronsel deixado polas conmemoracións do seu recente aniversario pode ser unha estimulante ocasión para tornar con ánimo renovado sobre esta figura da liberdade que foi Albert Camus.

PRAZAS ESGOTADAS
Debido á alta demanda de solicitudes recibidas, xa non hai prazas vacantes dispoñibles para asistir ás xornadas Albert Camus que terán lugar os vindeiros 3 e 4 de decembro de 2014. Se se producen baixas entre as persoas xa confirmadas seguirase estritamente a orde de entrada de solicitudes.

De ter interese, vostede podería cubrir a súa solicitude no formulario do sitio web e, se ficase libre algunha vacante, recibiría un correo de confirmación no seu correo electrónico, tal e como é procedemento habitual. Do mesmo xeito, se vostede ten confirmada a súa inscrición e non vai poder asistir, agradecémoslle que o comunique para poder dispoñer da súa praza.

Conectate o Consello da Cultura Galega en Facebook, Twitter ou comparte esta nova: