Este xoves, 20 de novembro, terá lugar no auditorio do Consello da Cultura Galega a XI edición do Simposio anual da Asociación Galega de Editores, unha cita sobre o libro e a lectura baixo o tema "O libro e a lectura nos medios". Manuel Gago, xornalista cultural e director de culturagalega.org, recoñecido blogueiro; Xosé Manuel Pereiro, xornalista e codirector da revista Luzes; e Camilo Franco, xornalista cultural, crítico teatral e escritor, formarán parte da primeira das catro mesas programadas: "A cultura nos medios. O caso galego". Na segunda mesa da mañá, "O libro e a lectura na rede", participarán como relatores, Montse Dopico, xornalista cultural e creadora do Magazine Cultural Galego; César Lorenzo Gil, editor do blog Biosbarda; Raquel C. Pico, xornalista cultural e cofundadora do magazine Disquecool; e Nacho Alonso, director de contidos de Fervenzas Literarias e biblioteconomista en DataLib.
A xornada da tarde comezará coa mesa "O libro e a lectura na radio e na televisión", integrada por Ana Romaní, xornalista cultural, poetisa e directora do Diario Cultural da Radio Galega; Henrique Sanfiz, xornalista, director de Radio Fene; Kiko Novoa, xornalista e director de Galicia por diante da TVG.
"O libro e a lectura nos xornais", a derradeira mesa do evento, terá a Santiago Jaureguizar, xornalista de El Progreso e escritor; Xesús Fraga, xornalista cultural en La Voz de Galicia e escritor; e Carme Vidal, xornalista cultural en Sermos Galiza.
Expoñerán as súas experiencias e propostas relacionadas coa realidade actual dos medios e a súa aportación e atención á lectura e o libro, cernes do coñecemento e a cultura. A entidade organizadora conta coa colaboración de CEDRO, a Xunta de Galicia e o Consello da Cultura Galega.
O Simposio "O Libro e a Lectura" é unha actividade anual da AGE que sempre contou coa atención e o interese de numerosos profesionais e axentes relacionados co libro de toda Galicia. Por este foro de reflexión e debate pasaron numerosos especialistas e profesionais de todo o abano do libro e a lectura, tamén do eido internacional: Bibliotecarios, editores, libreiros, distribuidores, profesores, expertos en propiedade intelectual, comercio internacional, marketing, redes sociais, novos soportes de edición, feiras profesionais do libro, etcétera. A experiencia das dez edicións anteriores augura un novo éxito de público atento e interactivo, que refresca sempre os debates e prantexa as cuestións máis candentes e sustanciais.