Olladas de mulleres no mundo

No Centro Galego de Artes da Imaxe (A Coruña), do 3 ao 7 de marzo
Temáticas: Igualdade |
Información

Co gallo do Día da Muller Traballadora, un ano máis o Consello da Cultura Galega e o CGAI dedícanlle unha semana da súa programación cun ciclo de cinema en que as figuras femininas son as protagonistas. O ciclo, coordinado por Encarna Otero da Comisión de Igualdade do CCG, leva como título  Olladas de muller no mundo. Creadoras galegas de imaxe . Esta é xa a súa segunda edición en colaboración co CGAI e dá continuidade ao proxecto fílmico Creadoras galegas de imaxe , no que directoras, guionistas, produtoras, actrices amosan outras olladas e perspectivas.

O ciclo comeza co único título de directores masculinos, Deux jours, une nuit/ Dos días, una noche, dos irmáns Dardenne, dúas veces gañadores en Cannes. Un filme sobre a muller no ámbito laboral nun contexto de crise. A intérprete principal, Marion Cotillard, foi candidata ao Oscar á mellor actriz polo seu papel de traballadora que intenta que os seus compañeiros renuncien á paga extraordinaria para ela conservar o seu posto na empresa.

O particular naturalismo dos Dardenne liga con Party girl/Mil noches, una boda, de Marie Amachoukeli-Barsacq, Claire Burger e Samuel Theis, o retrato dunha muller libre de 60 anos e as complexidades dos afectos e a contorna social. Pola súa banda, Amour fou, de Jessica Hausner, está inspirada na historia do poeta Heinrich von Kleist e a súa procura dunha compañeira para se suicidar en pleno Romanticismo alemán; ambas a dúas achegan senllos retratos femininos con forza.

Na sección Creadoras Galegas de Imaxe ofrécense dous títulos: Muller(es)Muller, de Inés Pintor, producido por SocialDocs, amosa a vida de mulleres dunha mesma familia pertencentes a tres xeracións distintas: as dificultades e diferenzas na educación, na percepción, no papel desempeñado…, e O tesouro de Corcoesto, adscrita ao documental militante e dirixida pola galega Cora Peña. A estes súmase Se dice poeta, da asturiana Sofía Castañón, que se aproxima a 21 poetas, entre elas tres galegas establecidas na Coruña: Yolanda Castaño, Estíbaliz Espinosa e María Couceiro. Estas últimas sesións contarán coa presenza das súas autoras.

Ficha técnica
Olladas de mulleres no mundo
Olladas de mulleres no mundo
Ciclo. No Centro Galego de Artes da Imaxe (A Coruña), do 3 ao 7 de marzo
Coordinación
Encarna Otero
Organiza
Centro Galego de Artes da Imaxe
Consello da Cultura Galega

LUGAR
Centro Galego de Artes da Imaxe
Rúa Durán Loriga, 10 baixo
15003 A Coruña 

Autoria
Sofía Castañón
Cora Peña