24 de marzo, 26 de maio e 16 de xuño
O pasado 24 de marzo tivo lugar a Primeira sesión do Ciclo, sobre as "Políticas culturais", coa coordinación de Rosario Álvarez Blanco, vicepresidenta do Consello da Cultura Galega, e a participación de Pier Luigi Sacco, profesor de Economía da Cultura na Università IULM de Milán e director da candidatura para Siena, capitalidade cultural europea 2019, Xerardo Estévez, arquitecto e ex-alcalde de Santiago de Compostela, e Ignacio Aguaded, catedrático de Educación en Medios de Comunicación e de Novas Tecnoloxías aplicadas á Educación na Universidade de Huelva.
A XESTIÓN CULTURAL someterase a debate o 26 de maio e, finalmente, a INDUSTRIA E MERCADO CULTURAL acapararán a atención da sesión do 16 de xuño.
A cultura galega afronta constantes desafíos nunha sociedade en rede que vive profundas transformacións. Os retos no horizonte da vindeira década, marcados pola Comisión Europea na Estratexia Europa 2020, son moitos e variados. Abranguen estratexias de crecemento baseadas en sete piares, entre os que se atopa a axenda dixital que propón “explotar mellor o potencial das tecnoloxías da información e da comunicación (TIC) para favorecer a innovación, o crecemento e mais o progreso”. O Consello da Cultura Galega, cumprindo coa súa función de promover debates sobre iniciativas estratéxicas para os próximos anos, fixou entre os seus obxectivos para o ano 2015 desenvolver un ciclo de debates para analizar aspectos relativos ás políticas, ás industrias e á xestión cultural.
Non é algo novo. O Consello da Cultura Galega xa promoveu dende finais de 2009 un proceso de debate e, mesmo, de “remuíño de ideas” arredor da situación da cultura galega, dos problemas que os seus actores identificaban como tales e das propostas de futuro que desta se poden albiscar. Máis de trescentas persoas participaron no proceso, tanto nos debates realizados en 2010 como nos cuestionarios remitidos polo equipo técnico, e cuxas conclusións deron lugar en 2011 ao documento Reflexión estratéxica sobre a cultura galega.
Nesta ocasión, un lustro despois, son as políticas culturais, a xestión, a industria e o mercado cultural no horizonte Europa 2020 os que se someterán a debate. Trátase de tres xornadas de reflexión nas que contaremos coa presenza de relevantes investigadores que nos permitirán afondar nas claves do sector cultural galego nos vindeiros anos e dende unha perspectiva global.
As persoas interesadas deben formular a súa inscrición en cada unha das sesións nos formularios ao pé de cada programa específico indicado a continuación.