encontro

XVII Encontros para a Normalización Lingüística

15 e 16 de outubro de 2015
XVII Encontros para a Normalización Lingüística

Os Encontros para a Normalización Lingüística de 2015, fieis á motivación inicial e ao rumbo seguido na súa xa longa tradición, van centrar a súa XVII edición nos debates actuais e nos dilemas que presenta a situación sociolingüística do galego.

Por iso terán un papel central os distintos traballos de pesquisa e análises de datos que se están desenvolvendo arredor da mocidade e os seus comportamentos lingüísticos, na medida en que son produto dunha situación ambiental, unhas determinadas políticas educativas ou mesmo a autopercepción da xente máis nova. Coñecer os aspectos que determinan os seus usos e actitudes debera permitirnos definir as áreas prioritarias para crear contidos demandados por eles e deseñar estratexias acordes co obxectivo normalizador. A presentación anterior serve de marco a outra liña que ten continuidade e que precisa unha profunda reflexión: a da transmisión e reprodución lingüísticas. Achegarémonos a ela tanto desde a presentación de investigacións relacionadas con este tema coma mediante a mostra de iniciativas, públicas e privadas, orientadas á intervención na asunción e a transmisión do galego.

A presentación e intercambio de experiencias teñen un lugar destacado nesta XVII edición. En terceiro lugar, ocuparémonos da política e a planificación lingüísticas de ámbito local. A capacidade de intervención da administración local, co foco posto na implicación das deputacións provinciais, alternarase coa presentación de experiencias cooperativas dos SNL e os ENDL, incidindo especialmente nos beneficios da coordinación e a acción conxunta para a optimización dos recursos para o fomento da lingua. Por outro lado, e seguindo o espírito inicial de crearmos un espazo de comunicación, contraste, reflexión e debate sobre asuntos ao redor da situación da lingua, nesta edición dos Encontros imos afondar e estender este carácter de participación de todas as persoas e colectivos implicados na normalización do idioma creando un novo espazo de comunicación en Facebook. Así, as persoas inscritas poderán formar parte desta iniciativa a través de 4 grupos na rede social Facebook que permitirán a intervención, discusión e introdución de temas por parte de persoas que teñen coñecemento, inquedanza e un mesmo desexo: traballar con acerto na normalización do noso idioma. Na resposta de confirmación da inscrición aos Encontros facilitarase a información dos grupos.

PRAZAS ESGOTADAS
Debido á alta demanda de solicitudes recibidas, xa non hai prazas vacantes dispoñibles para asistir a estas xornadas. Se se producen baixas entre as persoas xa confirmadas seguirase estritamente a orde de entrada de solicitudes. De ter interese, vostede podería cubrir a súa solicitude no formulario do sitio web e, se ficase libre algunha vacante, recibiría un correo de confirmación no seu correo electrónico, tal e como é procedemento habitual. Do mesmo xeito, se vostede ten confirmada a súa inscrición e non vai poder asistir, agradecémoslle que o comunique para poder dispoñer da súa praza. 

Conectate o Consello da Cultura Galega en Facebook, Twitter ou comparte esta nova: