A divulgación da Ciencia en Galicia: Presentación do Informe sobre a divulgación da Ciencia en Galicia

Mércores, 20 de abril de 2016
A divulgación da Ciencia en Galicia: Presentación do Informe sobre a divulgación da Ciencia en Galicia

A comunicación popular do coñecemento científico resulta esencial para o desenvolvemento dun espírito crítico da cidadanía, que facilite a interpretación das achegas da ciencia que hoxe en día fan parte de moitos aspectos da vida cotiá. Desde mediados do século pasado, as ferramentas tecnolóxicas e de comunicación incrementaron de xeito substancial non só as estratexias para a divulgación do coñecemento, senón tamén a capacidade para a organización e desenvolvemento de proxectos.

Na actualidade, Galicia dispón dunha ampla diversidade de proxectos de divulgación da ciencia e, con todo, e a pesar da súa importancia social, ata agora non existía ningunha análise global das distintas estratexias de divulgación e da súa eficacia e alcance social.

O Informe sobre a divulgación da Ciencia en Galicia pretende achegar unha descrición xeral e unha visión crítica de conxunto dos distintos proxectos, co obxectivo de que se converta nunha ferramenta útil para aqueles colectivos, xestores e institucións que queiran desenvolver actividades de divulgación eficaces. Nesta xornada, ademais da presentación do Informe, haberá unha sesión matinal de relatorios para a discusión e a reflexión, e unha sesión vespertina con charlas de divulgación e unha mesa redonda.

Consulta o informe A divulgación da ciencia en Galicia 

Conectate o Consello da Cultura Galega en Facebook, Twitter ou comparte esta nova: