Arqueoloxía galega a debate. Reflexións dende os espellos

Xornada

Arqueoloxía galega a debate. Reflexións dende os espellos

14 e 15 de xuño de 2016
Santiago de Compostela
Xornada

Arqueoloxía galega a debate. Reflexións dende os espellos

14 e 15 de xuño de 2016 Santiago de Compostela

Hai xa máis de cinco anos vía a luz un libro que recompilaba unha serie de ensaios baixo o título El futuro de la arqueología en España (Almansa ed., 2011); era case unha pregunta retórica acerca de cara a onde se ía como profesión, práctica científica, docente..., sobre que arqueoloxía se quería e cal se podía practicar. A arqueoloxía buscaba un sobrenome, coma tantas veces, pública, de xestión, académica... Hoxe, a pregunta segue estando vixente. Na presentación do libro en Galicia, coma en tantos outros foros, as e os arqueólogos alí presentes poñían sobre a mesa as múltiples problemáticas coas que se atopaban (falta de financiamento, ausencia de programas de investigación, afección directa pola crise económica e un moi longo etcétera), pero, coma en tantos outros foros tamén, non se achegaron moitas solucións. O certo é que se trata dunha cuestión difícil e moi complexa. E a situación da arqueoloxía en Galicia non está exenta desa complexidade. A arqueoloxía é un mundo paradoxal, vista dende fóra pode pasar dunha visión romántica e positiva, sobre unha profesión pola que moitas persoas manifestan interese, a considerarse unha práctica molesta e negativa, sobre a que recaen, por exemplo, as culpas do atraso dunha obra pública ou privada. Entre ambas existe unha infinidade de visións. Levanta moitas paixóns... e moitas incomodidades. Pero, en todo caso, son cuestións sobre as que é necesario falar e reflexionar. E facelo dende este colectivo e dende fóra del.


Con estas xornadas preténdese xerar e promover un debate centrado na situación actual da arqueoloxía galega que implique aos diferentes axentes que interveñen na actividade arqueolóxica: profesionais, investigadores, docentes ou técnicos da Administración a diferentes escalas, así como outros axentes que poden estar tamén moi relacionados con ela. Queremos coñecer como se ven as arqueólogas e os arqueólogos e como os miran. Queremos saber como se ven no espello. A finalidade última é facer un debate construtivo e positivo que permita identificar os problemas reais da arqueoloxía galega e, a partir deles, tentar achegar de forma conxunta solucións que contribúan á súa mellora nos próximos anos, así como establecer un marco de entendemento e colaboración entre os diferentes axentes implicados na actividade arqueolóxica. Neste sentido, proponse realizar tamén unha enquisa aberta con tres preguntas que analicen estes aspectos, coa intención de facer un traballo de recollida da situación real desta problemática, cuxos resultados se analizarán e se porán a disposición pública.


Dende a Sección de Patrimonio e Bens Culturais, gustaríanos que Arqueoloxía galega a debate se convertese nun espazo de reflexión e entendemento que dea lugar a varios encontros entre os axentes que hoxe en día traballan en Galicia en materia de patrimonio arqueolóxico. Gustaríanos que Arqueoloxía galega a debate fose un comezo.  

ASISTENCIA

INSCRICIÓN
A inscrición é gratuíta.
O número de prazas é limitado (100 persoas).
As prazas cubriranse por rigorosa orde de inscrición.
Entregarase diploma acreditativo de asistencia ás xornadas.
Para obter o diploma é preciso asistir ao 75% das sesións.

LUGAR

LUGAR
Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2º andar
Praza do Obradoiro, s/n
15705 Santiago de Compostela
Tel.: 981 957 202 / Fax 981 957 205
difusion@consellodacultura.gal
www.consellodacultura.gal

MAÍS INFORMACIÓN

MÁIS INFORMACIÓN
www.consellodacultura.gal
difusion@consellodacultura.gal
Consulta os materiais en http://consellodacultura.gal