Concerto

Sonata para Saxofón e Piano de Octavio Vázquez

Xoves, 29 de decembro de 2016 ás 19:00
Sonata para Saxofón e Piano de Octavio Vázquez

INTÉRPRETES

Eneas Irimia (Mozambique, 1982) é un ávido concertista que actuou por toda Europa en salas como o Gran Teatro de Bordeos, o Auditorio Nacional de Madrid ou o Teatro da Maestranza de Sevilla. Iniciou os seus estudos na Coruña, continuounos en Madrid e, finalmente, licenciouse en 2007 no Conservatorio de Música das illas Baleares, baixo a tutela dos profesores Andrés Gomis e Rodrigo Vila. Formou parte nos anos seguintes da clase de saxofón internacional no Conservatorio Nacional de Bordeos, dirixida por Marie-Bernadette Charrier e Hilomi Sakaguchi. Ampliou estudos con grandes mestres, entre os que destacan J.M. Londeix, Claude Delange, Vicent David ou o Cuarteto Rascher no campo da música de cámara. Obtivo en 2015 o Máster en Investigación Musical na Universidade Internacional de La Rioja.

A internacionalmente recoñecida pianista Isabel Pérez Dobarro (Compostela, 1992) actuou como solista e como intérprete de cámara en salas como o Carnegie Hall, o Steinway Hall e o Conservatorio Tchaikovsky de Moscú. Moi activa tanto en Europa como nos Estados Unidos, as súas interpretacións de música contemporánea e de música española valéronlle o eloxio da crítica internacional. Estuda o Ph.D na New York University, despois de obter o Master e o Professional Studies Degree na New York University e na Manhattan School of Music, respectivamente, e o título superior no Real Conservatorio de Madrid.Traballou con Marilyn Nonken, Alexander Kobrin, José Méndez e Solomon Mikowsky entre outros.

OCTAVIO VÁZQUEZ

A música de Octavio Vázquez foi interpretada por todo o mundo por directores como Dima Slobodeniouk, Adrian Leaper, Paul Daniel, Carlos Kalmar, Andrew Grams, Víctor Pablo Pérez e Maximino Zumalave, e solistas como Hilary Hahn, Dmitri Berlinsky, Eldar Nebolsin, Jonathan Gandelsman, Adam Levin, Adam Kent, Enrique P. Piquer e Aníbal Bañados. Recibiu encargas do New York State Council on the Arts, a Fulbright Commission, New Music USA, Orquestra da RTVE, Orquestra Sinfónica de Galicia, Real Filharmonía de Galicia, Xacobeo Classics 2010 e Meet the Composer, entre outros. En 2014 compuxo Penélope para orquestra e coro, sobre o poema homónimo de Xosé María Díaz Castro, que tivo a súa estrea absoluta no Concerto das Letras Galegas organizado polo Consello da Cultura Galega.

Profesor e director do programa de composición na universidade Nazareth College de Rochester, estudou no Conservatorio Adolfo Salazar e no Real Conservatorio Superior de Música de Madrid, e posteriormente no Peabody Conservatory da Johns Hopkins University e na Universidade de Maryland, College Park. Dende 1999 reside na cidade de Nova York.

 

Conectate o Consello da Cultura Galega en Facebook, Twitter ou comparte esta nova: