Cuarta sesión
Ciclo: Europa Fortaleza: fronteiras, valados, exilios, migracións
ANTONIO IZQUIERDO
AS POLÍTICAS DE INMIGRACIÓN E CIDADANÍA NO NOVO ESCENARIO: CATRO PROPOSTAS
Xoves, 9 de febreiro de 2017 ás 17:00 horas
Antonio Izquierdo Escribano
Licenciado e doutor en Socioloxía co número 1 e premio extraordinario de licenciatura e de doutoramento pola Universidad Complutense de Madrid. Diplomouse tamén en Matemáticas e Informática das Ciencias Sociais no Centre Nacional de la Recherche Scientifique (CNRS) e en Socioloxía Política no Instituto de Estudios Políticos.
Académico na Real Academia de Ciencias Morales y Políticas, membro da Académie Européenne des Sciences, des Arts et des Lettres. Premio Nacional de Investigación do Consejo Económico y Social de España na convocatoria do ano 2001.
A Comisión Nacional Evaluadora de la Actividad Investigadora (CNEAI) recoñeceulle 36 anos de actividade investigadora ao longo da súa carreira académica. Dirixiu máis de 40 proxectos de investigación. En canto ás súas publicacións, é autor de máis de 20 libros e supera os 150 capítulos de libros e artigos científicos en revistas e monográficos. Entre as súas últimas obras destacan: Crítica de la inmigración imaginada (2016), Mareas de pluralismo. Minorías religiosas en Galicia (2014), Políticas de control migratorio: estudio comparado de España y Estados Unidos (2012) e La migración de la memoria histórica (2011).
Foi o representante de España na OCDE de 1989 a 2008, en calidade de experto en migracións internacionais.
Actualmente é catedrático de Socioloxía na Universidade da Coruña e membro do Equipo de Socioloxía das Migracións Internacionais (ESOMI), do que foi fundador en 2004 e que dirixiu ata 2011.
Ciclo: Europa Fortaleza: fronteiras, valados, exilios, migracións
Ante os fluxos migratorios, os países da Unión Europea abriron e pecharon historicamente as súas fronteiras, considerando os emigrantes como un recurso instrumental, mera forza barata de traballo. Sempre nunha perspectiva de mercado e curtopracista, facilitábase o acceso se se precisaba man de obra, multiplicando as trabas no caso de medrar o paro. A figura do Gastarbeiter exemplificaba unha economía política ignorante da elemental condición de seres humanos dos emigrantes, nin que dicir do seu estatuto de cidadáns e cidadás residentes. Unha política de orde pública, de contención, substituíu a necesaria política de inmigración. Con ou sen papeis, o tratamento oscilaba: quer multiculturalismo desinteresado, quer asimilacionismo compulsivo. En todos os casos as acomodacións razoables foron mínimas e os guetos inzaron as aforas das cidades. Agora, constatado o fracaso na integración dos musulmáns nas sociedades de orixe cristiá, disque laicas e secularizadas, a chegada de refuxiados contéstase coa vulneración dos dereitos humanos mais básicos e o incumprimento das obrigas internacionais. Canto máis revé a soberanía, máis agroman os valados e se blindan as fronteiras. Mesmo se suspende unilateralmente o tratado de Schengen. En lugar de comprender e minorar as razóns que motivan o éxodo, concéntranse os esforzos en imposibilitar a entrada, mesmo externalizando o dispositivo en terceiros países. Pero acaso non constitúen os emigrantes e refuxiados dúas manifestacións dun mesmo fenómeno estrutural: a globalización neoliberal e os seus efectos: a depredación de recursos, a explotación internacional do traballo e o cambio climático? As migracións seguirán a producirse por razóns económicas, políticas, bélicas e climáticas. Este ciclo propón reflexionar, da man de recoñecidos/as especialistas, tanto sobre as diferentes dimensións do problema, como sobre as solucións institucionais e de políticas públicas ao desafío no que Europa xoga o seu porvir como sociedade democrática.
Primeira sesión
11 de maio de 2016
Carmen González Enríquez, investigadora principal de Demografía, Poboación e Migracións Internacionais do Real Instituto Elcano
A resposta da Unión Europea ante a crise migratoria
Segunda sesión
1 de decembro de 2016
Montserrat Guibernau, doutora en Teoría Social e Política pola Universidade de Cambridge e catedrática de Ciencia Política na Universidade Queen Mary de Londres
Pertenza: Símbolos e Rituais da Nación
Terceira sesión
19 de xaneiro de 2017
Javier de Lucas, catedrático de Filosofía do Dereito e Filosofía Política no Instituto de Derechos Humanos da Universitat de València
Os refuxiados na era de Trump. Un problema político, non unha crise humanitaria
Cuarta sesión
9 de febreiro de 2017
Antonio Izquierdo, catedrático de Socioloxía na Universidade da Coruña e membro do equipo de Socioloxía das Migracións Internacionais (ESOMI)
As políticas de inmigración e cidadanía no novo escenario: catro propostas
Quinta sesión
2 de marzo de 2017
Rafael Grasa, profesor titular de Relacións Internacionais da Universitat Autònoma de Barcelona
O novo sistema internacional e os retos do humanitarismo: a xestión da crise humanitaria e migratoria e das novas formas de violencia directa non política
Sexta sesión
9 de marzo de 2017
Nira Yuval-Davis, directora do Research Centre on Migration, Refugees and Belonging (CMRB) na University of East London
Intersectional meanings of culture
Lembre que o ciclo Europa Fortaleza: fronteiras, valados, exilios, migracións forma parte da serie O(s) sentido(s) da(s) cultura(s), que pretende fomentar o debate sobre cuestións de actualidade. Para iso, o público interesado pode consultar con anterioridade o TEXTO da intervención da persoa convidada para preparar así o diálogo posterior. O texto estará accesible no apartado Documentación desta páxina, xusto debaixo da etiqueta de acceso ao formulario de inscrición.