recital.

Poetas itinerantes: encontro de poesía galega e catalá

Santiago de Compostela, 13 de decembro de 2017 ás 19 horas
Compartir:
Información

Logo da cancelación da actividade o pasado mes de outubro, o programa “Poetas itinerantes” recunca por fin en Galicia. Logo do diálogo entre a poesía vasca e galega que tivo lugar en Santiago de Compostela na primavera de 2016, é o tempo de que voces galegas e catalás unan os seus versos para nos ofrecer unha mostra da poética contemporánea que se está a facer en Galicia e Cataluña. Xa o fixeron o pasado día 2 de novembro no Pipa Club de Barcelona e, nesta ocasión, é a delegación catalá quen visita Galicia coas súas maletas cheas de versos para dialogar coa poesía galega.

Os poemas de Anna Gual, Joan Pons, Blanca Llum Vidal, Marilar Aleixandre, Yolanda Castaño e Rosalía Fernández Rial daranse a man nun encontro en Santiago que terá lugar o mércores, 13 de decembro de 2017, ás 19 horas no Consello da Cultura Galega.

O acto será presentado por Mercedes Queixas, membro da Sección de Lingua, Literatura e Comunicación do Consello da Cultura Galega e secretaria da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega.

Promovido polo Instituto Etxepare, o Instituto Ramón Llull e o Consello da Cultura Galega, este recital forma parte dun proxecto iniciado en Barcelona en 2015 que procura tender unha ponte máis cara a un futuro intercultural e multilingüe. Na edición anterior deste recital Poetas itinerantes foron as voces de Miren Agur Meabe, Leire Bilbao, Anxo Angueira, Gonzalo Hermo, Dores Tembrás e Manuel Rivas quen deixaron o pouso dos seus versos en Compostela e tamén en Donosti durante a visita de volta que se produciu en outono de 2016 no Edificio de Tabakalera. Nesta ocasión, será a poesía catalá quen se deixe sentir nos muros compostelás para establecer un diálogo necesario e posible entre as diferentes culturas

Ficha técnica
Poetas itinerantes: encontro de poesía galega e catalá
Poetas itinerantes: encontro de poesía galega e catalá
Recital. Santiago de Compostela, 13 de decembro de 2017 ás 19 horas
Organiza
Comisión de Acción Exterior (CCG)
Instituto Ramón Llull
Instituto Vasco Etxepare
Sección de Lingua, Literatura e Comunicación (CCG)

Participante
Marilar Aleixandre
Yolanda Castaño
Rosalía Fernández Rial
Anna Gual
Blanca Llum Vidal
Joan Pons
Presenta
Mercedes Queixas