Ciclo Olladas de muller

Na sede do CGAI da Coruña, do 1 ao 13 de marzo de 2018
Compartir:
Información [Ver todos os da serie]

Un ano máis o Consello da Cultura Galega colabora co CGAI coa realización dun ciclo para celebrar o Día Internacional da Muller. Non necesariamente todos os filmes do programa están dirixidos por realizadoras, mais en todos eles se afonda en problemáticas sobre as que cómpre reflexionar, na procura dunha igualdade absoluta hoxe lonxe de se ver atinxida. A violencia machista, o empoderamento feminino, a transmisión de coñecemento entre mulleres de distintas xeracións no eido da familia, como enfrontarse ao envellecemento, ou as duras condicións laborais combinadas co coidado da casa son varios dos temas que presentan estas películas. Son todos eles títulos recentes e unha boa parte acaban de lograr o éxito en prestixiosos festivais internacionais como Málaga, Donostia, Sevilla ou Sundance. Neste último, o filme galego Matria, de Álvaro Gago, alzouse co Gran Premio do Xurado na última edición. Proponse ademais como acompañamento a estas fitas de estrea un foco dedicado á artista feminista austríaca Valie Export, en colaboración co Festival Internacional de Cine de Xixón.

Valie Export
Valie Export é unha artista austríaca nada en Linz en 1940. Dicimos artista e non cineasta porque non só fixo cine no sentido tradicional do termo, tamén sobranceou en escultura, fotografía e nunha arte da que é a indiscutible pioneira: as performances en que se utiliza o corpo feminino coma elemento artístico, un claro antecedente do que representan na actualidade os traballos artísticos de, por exemplo, Marina Abramovich. En todos estes campos, a nosa protagonista fixo uso de toda unha panoplia de recursos e modalidades expresivas para lanzar unha mensaxe determinada, concreta, porque en Valie Export a arte e a política, entendida esta no máis amplo sentido do termo, percorren camiños paralelos. Deste xeito, resulta imposible descontextualizar o seu traballo de denuncia da sociedade patriarcal ou dos remanentes do nazismo aínda presentes na sociedade austríaca na segunda metade do século XX. Ambas son exactamente o mesmo, o fondo e a forma uníndose nunha conxunción que converte Valie Export nunha referencia ineludible para entender os movementos artísticos e sociais do noso pasado e do noso presente. 

O foco está formado por dúas longametraxes: 
-Invisible Adversaries, de 1977, a súa ópera prima. Unha fotógrafa descobre que unha raza extraterrestre está a ocupar os corpos dos seres humanos. Reescritura dende unha perspectiva feminista do clásico La invasión de los ladrones de cuerpos de Don Siegel en que a autora usa técnicas do cine experimental. 
-The Practice of Love, de 1985, a súa película máis coñecida. Nela, a protagonista, coma sempre unha muller, oscila entre dúas historias de amor con dous homes, grazas, ou por culpa das cales, coñecerá o verdadeiro significado do machismo, da forma corrupta de entender as relacións nunha sociedade patriarcal. 
Ademais destas dúas longametraxes, o foco de Valie Export ofrece un programa con diferentes curtametraxes, dende as máis tradicionais (se é que se pode usar este adxectivo co cine da artista austríaca) ata os máis performáticos, é dicir, aqueles en que a propia Valie utiliza o seu corpo como arma para transmitir o seu discurso. 

 

Ficha técnica
Ciclo Olladas de muller
Ciclo Olladas de muller
Ciclo. Na sede do CGAI da Coruña, do 1 ao 13 de marzo de 2018

LUGAR
Centro Galego de Artes da Imaxe
Rúa Durán Loriga, 10 baixo
15003 A Coruña
Tlf.(34) 881 881 260
Fax.(34) 881 881 271
cgai@xunta.es