XX Encontros para a normalización lingüística

Encontro. Encontros para a normalización

XX Encontros para a normalización lingüística

Paso a paso, man con man. Deporte e lingua

12 e 13 de abril de 2018
Santiago de Compostela
Encontro
Encontros para a normalización

XX Encontros para a normalización lingüística

Paso a paso, man con man. Deporte e lingua

12 e 13 de abril de 2018 Santiago de Compostela

Esta non é unha cita máis para nos encontrarmos arredor da normalización lingüística, pois a edición de 2018 fai o número 20. É, por tanto, unha ocasión para o reencontro, para a memoria, para o balance, para os recoñecementos, para a celebración, para a nostalxia..., tamén para abrir a porta a outras dúas novas décadas de reflexión, intercambio de experiencias, presentación de proxectos e propostas de futuro. Convocámosvos para o mes de abril, xa puxante a primavera, para que vos unades connosco á festa. Unha parte dos XX Encontros está dedicada á efeméride: por iso esta non é unha cita máis.


Non nos imos reunir só para festexar. Seguimos sen desmaiar, tamén neste 20º aniversario (25º se miramos para o almanaque: un cuarto de século!), soprando ao unísono, axudando ao vento, por veces fraco, a levar adiante a dorna da normalización. Nese sentido, este tampouco é un encontro calquera: por primeira vez estará dedicado ao deporte.


Poucas actividades crean vínculos e símbolos con tanta rapidez coma o deporte, tanto entre os participantes coma entre o público; poucas son capaces de  xerar ou reforzar as identidades colectivas do xeito en que o fai un éxito deportivo, propio ou do noso equipo, por pór só un caso. Mais, fala galego o deporte galego? Sexa cal sexa a resposta, como e por que?


A vitalidade das linguas ten moito que ver coa identidade, para ben ou para mal. Que o deporte galego fale galego é unha fortaleza. Por iso recorremos a protagonistas para que compartan connosco a súa experiencia lingüística en relación co uso/non uso da lingua galega: tanto deportistas de varia tipoloxía (profesional e de afección, de elite e de base, de deportes de masas e tradicionais...) como persoas do ámbito do adestramento, representación federativa e de clubs, responsabilidade institucional, ensino, formación, comunicación, administración, xestión... En definitiva, un rico plantel de persoas escolleitas, todas con experiencia directa e opinión autorizada. Voces plurais, visións complementarias, que nos axudarán sen dúbida a coñecer desde dentro a realidade da práctica lingüística en galego no mundo do deporte, as luces e as sombras, as ocasións e as dificultades...; e, sobre todo, a deseñar actividades e proxectos para lograr un uso normal da lingua de Galicia no deporte galego.


A nosa Artesa está a rebordar de boas experiencias normalizadoras que compartir convosco. No espazo Crear contextos presentamos dous obradoiros que esperamos sexan do voso interese xa agora, no intre, mais con aplicación práctica no futuro.

ASISTENCIA

INSCRICIÓN
Se tes algún problema co proceso de inscrición envianos un correo a incidencias@consellodacultura.gal. Grazas
A inscrición é gratuíta.
O número de prazas é limitado (100 persoas).
As prazas cubriranse por rigorosa orde de inscrición.
Entregarase diploma acreditativo de asistencia aos Encontros.
Para obter o diploma é preciso asistir ao 75 % das sesións.

LUGAR

LUGAR
Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2º andar
Praza do Obradoiro, s/n
15705 Santiago de Compostela
Tel.: 981 957 202 / Fax: 981 957 205

MAÍS INFORMACIÓN

MÁIS INFORMACIÓN
www.consellodacultura.gal
difusion@consellodacultura.gal
Consulta os materiais en http://consellodacultura.gal/mediateca