xornada.

Lois Tobío. Galeguista, tradutor e xornalista

Sábado, 26 de maio de 2018 no Teatro Pastor Díaz, Viveiro
Información

A xornada terá lugar en VIVEIRO, no Teatro Pastor Díaz (Rúa Constanza de Castro, 19).

Lois Tobío (Viveiro, 1906-Madrid, 2003) foi un intelectual que desenvolveu ao longo da súa vida as facetas de diplomático, investigador, profesor, xornalista e tradutor. Foi un dos promotores do Seminario de Estudos Galegos cando era un estudante de Dereito en Santiago de Compostela. Estudou Ciencias Políticas no Berlín de entreguerras. Foi un dos redactores do anteproxecto do primeiro Estatuto de autonomía en 1931 e elaborou, con Castelao, a declaración programática do Partido Galeguista. Está considerado un piar fundamental na construción política e xurídica do nacionalismo galego.

A Guerra Civil sorprendeuno en Bulgaria, como secretario de embaixada. Volveu a España, onde foi secretario xeral do Ministerio de Estado, e en 1939 comezou en Nova York un desterro que continuaría en México, Cuba, Uruguai e Arxentina. Foi un dos promotores e asesores do Consello de Galiza (1945), goberno autonómico no exilio, do que Castelao foi o seu primeiro presidente. A Tobío debémoslle igualmente un esforzo inxente na elaboración da primeira Historia de Galicia, dirixida por Otero Pedrayo, quen nunca ocultou a excelencia do traballo de Tobío para facela posible; ou a súa enorme implicación no Primeiro Congreso da Emigración Galega (1956), desempeñando un papel determinante. Regresou a España en 1963, pero non puido reincorporarse á carreira diplomática ata 1974, dous anos antes de xubilarse.

Durante o seu exilio, escribiu sobre política internacional e sobre cultura galega. Desde a súa volta, centrouse, entre outras investigacións, no estudo da figura do conde de Gondomar, embaixador de Felipe II na corte de Inglaterra, sobre o que publicou varios ensaios. Tamén traduciu ao galego numerosas obras de románticos franceses e alemáns, entre elas Fausto, de Goethe, e os Sonetos a Orfeo, de Rilke.

Ficha técnica
Lois Tobío. Galeguista, tradutor e xornalista
Lois Tobío. Galeguista, tradutor e xornalista
Xornada. Sábado, 26 de maio de 2018 no Teatro Pastor Díaz, Viveiro
Coordinación
Xulio Ríos
Colabora
Concello de Viveiro
Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional

Organiza
Comisión de Acción Exterior (CCG)

LUGAR
Teatro Pastor Díaz
Rúa Constanza de Castro, 19
Viveiro