O ano 2018 foi declarado Ano Europeo do Patrimonio Cultural, como mostra de consideración, por parte da Unión Europea, cara ao legado “material, inmaterial e dixital” das diferentes culturas que a conforman. Este recoñecemento, que pretende sensibilizar verbo da historia e valores comúns e reforzar o sentimento de pertenza a un espazo común europeo, non vén exento de polémica. No panorama nacional e internacional, os crecentes movementos nacionais e independentistas, o aumento do apoio popular ás forzas con posicionamentos máis extremos, o rexurdir da violencia de xénero, a xenofobia ou a islamofobia baten frontalmente coas necesidades e dereitos dunha cidadanía que, lonxe de manterse á marxe dos conflitos, busca novas fórmulas de convivencia, análise, coñecemento, participación e organización social.
Os estudos galegos non son alleos ao desexo de contribuír á comprensión da realidade e a abrir novas perspectivas de análise e intervención neste contexto. Non en van, nos derradeiros anos, os estudos sobre migración, transculturalidade e patrimonio experimentaron un auxe considerábel, así como os medios especializados de coñecemento e a súa capacidade de difusión. A Asociación Internacional de Estudos Galegos, coa súa proposta de congreso “Novos horizontes para unha Galicia global: Redes, Territorio e Memoria”, espera converterse, unha vez máis, nun punto de encontro e foro de discusión para a investigación sobre a lingua, a cultura e a historia de Galicia. Baixo as tres amplas nocións sobre as que se artella, para alén de apostar pola investigación básica e os traballos de disciplinas consolidadas, agardamos que o vindeiro congreso atraia desde as novas xeracións de investigadoras/es cos seus primeiros contributos até as/os especialistas máis consolidadas/os, acollendo traballos interdisciplinares ou propostas innovadoras de todas as partes do mundo.
O Consello da Cultura Galega colabora coa Asociación Internacional de Estudos Galegos na organización dunha serie de actividades dentro do programa do XII Congreso:
-12 de setembro ás 10:00:
Conferencia plenaria a cargo de Ramón Villares.
-12 de setembro ás 12:30 horas:
Mesa redonda "Territorios", coordinada polo profesor de Xeografía da USC, Xosé Manuel Santos Solla e coa participación de María López Sández, Aníbal C. Malvar e Vicente Araguas.
- 13 de setembro ás 12:30 horas:
Mesa redonda "Memoria", coordinada pola profesora de Literatura Galega da USC e secretaria do Consello da Cultura, Dolores Vilavedra, e onde partiparán Lourenzo Fernández Prieto, Miguel-Anxo Murado e Susana Sánchez Aríns.
Máis información e programa completo: https://www.aieg18.com/programa