O Consello da Cultura Galega colabora coa Asociación Galega de Editoras (AGE) acollendo o "1º Encontro da edición galega e portuguesa", organizado pola AGE e que se desenvolverá no Salón de Actos do Consello da Cultura Galega o martes, 25 de setembro de 2018.
O gremio editorial galego reúne a diferentes expertos da escrita, da edición, da promoción da lingua e da distribución para retomar o debate histórico sobre un posible intercambio comercial, normalizado, entre o sector do libro galego e o portugués.
Tres mesas redondas vertebran o programa, en xornada de mañá e de tarde. A sesión da mañá iniciarase ás 10:30 horas coa mesa redonda: "Olladas desde a escrita", na que participarán José Viale Moutinho, escritor, Premio Rosalía de Castro, Teresa Moure, escritora e profesora na USC, Carlos Quiroga, escritor e profesor na USC e Suso de Toro, escritor, Premio Nacional de Narrativa.
A sesión da mañá continúa coa mesa redonda "Olladas desde a promoción da lingua", con Carla Sofía Amado, Instituto Camões de Vigo, Carlos Nogueira , profesor na UVigo e Elisabete Ramos, tradutora e autora de Portugalizar.
O "1º Encontro da edición galega e portuguesa" rematará pola tarde coa mesa redonda "Olladas desde a edición e a distribución" que se iniciará ás 16:30 horas e contará coa participación de Luis Catarino, Deriva Editora, Dora Forcas, Distribuidora Bertrand, Margarida Noronha, Kalandraka Portugal e Glicéria Pereira, FNAC Lisboa.
Máis información: http://www.editorasgalegas.gal/