encontro

ENCONTROS MONOGRáFICOS CO PATRIMONIO CULTURAL

A Salina Romana do Areal

Martes, 30 de abril de 2019
Información

Os Encontros Monográficos co Patrimonio Cultural son unha iniciativa levada a cabo pola Sección de Patrimonio e Bens Culturais do CCG que comezou en novembro de 2015. Teñen como obxectivo xerar un espazo de difusión, debate, encontro e coñecemento arredor de diferentes proxectos que afectan ao patrimonio cultural en xeral e que moitas veces non chegan a un público amplo por diferentes motivos. Os encontros acollen a calquera persoa que se queira achegar a este espazo, ben sexa un profesional da xestión do patrimonio ou da cultura, ben sexa unha investigadora/investigador ou calquera axente social que teña interese polo patrimonio. Os protagonistas dos encontros son sempre o elemento patrimonial, o debate e a reflexión. Ata o de agora focalizáronse en proxectos de arqueoloxía, rehabilitación, arquitectura, historia da arte ou mesmo en enfoques interdisciplinarios; pero tamén na xestión patrimonial, na divulgación do patrimonio, na participación cidadá e no conflito patrimonial; en patrimonios esquecidos e vivos, materiais e inmateriais, amigables ou conflitivos; nas políticas patrimoniais, nos encontros e des-encontros. Como se pode ver, nun abano moi amplo ao longo dos 24 Encontros anteriores.

En 2018 puxemos en marcha o programa IN SITU, que traslada a difusión e reflexión ao contexto xeográfico e social dos bens nos que se focaliza cada encontro, analizando in situ as realidades patrimoniais. IN SITU quere contribuír a evidenciar a necesidade desa análise, pero tamén a crear outros lugares de reflexión fóra do seu habitual espazo na sede do CCG en Santiago de Compostela. Para 2019 a temática seleccionada dentro deste programa é “A produción de sal en época romana no sur de Galicia e norte de Portugal”, sobre a que se realizan dúas xornadas o 29 de marzo na Guarda e o 30 de abril en Vigo, que teñen como obxectivo a reflexión arredor de diferentes proxectos que ao longo dos últimos anos interviñeron en distintos xacementos do sur de Galicia e o norte de Portugal relacionados coa produción de sal en época romana, de xeito que poidamos obter un panorama xeral sobre esta práctica no noso contexto xeográfico.

A zona do Areal (Vigo) foi obxecto de numerosas actuacións arqueolóxicas inauguradas nos anos 50 do século pasado, cando se atopou alí o conxunto de aras e estelas funerarias que hoxe conforman a colección do museo municipal Quiñones de León. Será a partir dos anos 90, por mor da súa urbanización, cando realmente se descubra o xacemento arqueolóxico agochado baixo varios metros de sedimentos de orixe mariña e continental, que explica o fenomenal estado de conservación no que se atopan os restos arqueolóxicos.

Sen dúbida, o principal elemento arqueolóxico é unha salina romana mariña de evaporación solar que se estende por toda a fronte litoral, desde a rúa Hospital ata a rúa Miragaia, varias hectáreas das que se escavou soamente unha pequena parte. Porén, o estudo dos restos de salina documentados nos diferentes soares intervidos desde os anos 90 ata hoxe permítenos aproximarnos ao funcionamento dunha salina antiga, amais de coñecer as súas dimensións, cando de constrúe e as causas do seu abandono. A salina do Areal é considerada hoxe como a máis e mellor conservada de todo o mundo romano.

A ACTIVIDADE PODERÁ CANCELARSE DEBIDO A CUESTIÓNS METEOROLÓXICAS

Recomendacións para participantes na actividade
-Levar chaqueta de abrigo, calzado e roupa cómoda.
-Levar auga para beber
-Non está permitido comer a bordo.

Seguros Ocean Secrets
-P&I (Seguro responsabilidade cilvil do armador)
-SOV (Seguro obrigatorio de viaxeiros)
-Seguro Barco (Seguro de cascos a todo risco)

Materiais
Ficha técnica
A Salina Romana do Areal
A Salina Romana do Areal
Encontro. Martes, 30 de abril de 2019
Coordinación
Rebeca Blanco Rotea
Organiza
Consello da Cultura Galega
Sección de Patrimonio e Bens Culturais (CCG)
Modera
Mar Cortegoso Comesaña
Relator/a
Juan C. Castro Carrera
Adolfo Fernández Fernández
María Jesús Iglesias Darriba

LUGAR
Ría de Vigo (recollida no Monumento Xulio Verne, fronte ao R.C. Náutico de Vigo)


RECOMENDACIÓNS
Levar chaqueta de abrigo, calzado e roupa cómoda.
Levar auga para beber.
Non está permitido comer a bordo.