18:00 horas
Presentación
18:15 horas
Eutanasia e dereitos humanos
Margarita Boladeras dialoga con Ascensión Cambrón
Margarita Boladeras Cucurella é catedrática emérita de Filosofía Moral e Política da Universitat de Barcelona (UB). Especializouse en temas de filosofía contemporánea e en cuestións de ética e bioética. Realizou estadías de investigación na Universidade de Mannheim (1976-77), na Universidade Laval do Quebec (2012) e na Universidade Libre de Bruxelas (2012). Foi decana e vicedecana da Facultade de Filosofía da UB. Foi directora adxunta da revista Humanidades Médicas (2002-2004) e membro do xurado dos premios e bolsas da Fundación Víctor Grífols i Lucas para o desenvolvemento da Bioética (de 1999 a 2016). Foi codirectora do grupo de traballo sobre a eutanasia e o suicidio asistido, creado en 2004 polo Comité de Bioética de Cataluña, e directora do grupo de estudo sobre Interculturalidade e Saúde, creado en 2006 por ese mesmo comité.
É membro do Comité de Bioética de Cataluña desde 1995 e da Comisión de Bioética da Universitat de Barcelona desde 1996. Forma parte do consello de redacción da revista Ágora da Universidade de Santiago de Compostela e do consello asesor da revista MUSAS. Revista de Investigación en Mujer, Salud y Sociedad (UB). O seu último proxecto de investigación foi sobre "Prevención y detección de las violencias de género durante el embarazo: de la violencia machista a la violencia obstétrica", dirixido por Josefina Goberna Tricas e patrocinado por RecerCaixa.
Ascensión Cambrón Infante é profesora titular de Filosofía do Dereito e na actualidade profesora emérita da UDC. Nacida en Valsequillo (Córdoba), é licenciada en Filosofía pola Universitat de Barcelona (1975) e doutora (1987) pola USC. É presidenta da Asociación polo Dereito a unha Morte Digna de Galicia.
Ao longo destes anos formou parte de diversas institucións biosanitarias: Comité de Ética Asistencial do CHUAC, Comité de Ética de Investigación de Galicia, presidenta do Comité de Ética da Investigación da UDC. Como docente impartiu docencia, másters e seminarios en numerosas universidades de España, Bélxica, Italia, Grecia, Hungría, Portugal, México e Brasil.
Actuou como "experta" ante institucións internacionais e nacionais: en Bruxelas, ante a Comisión sobre Xénero do Parlamento Europeo (30/10/2005), encargada de redactar as directrices necesarias na UE sobre o tráfico de óvulos femininos, co título "Human Egg Trading And The Exploitation Of Women" (2005). Tamén colaborou coa Comisión do PSOE no Parlamento de Galicia encargada de elaborar o Anteproxecto de Lei de Morte Digna, que se aprobou por unanimidade no Parlamento de Galicia o 26 de xuño de 2015. Tamén foi convidada pola Comisión de Sanidade do Senado a participar sobre Xenómica e Saúde, no marco da estratexia que seguir sobre Medicina Xenómica e de Precisión (17 de maio de 2018).
As súas investigacións teñen dous eixes fundamentais: o pensamento utópico e histórico-social a partir da figura do coruñés Ramón de la Sagra (1798-1871) e a Bionomía xurídica.