encontro

ENCONTROS MONOGRáFICOS CO PATRIMONIO CULTURAL

Habitando a terra dos mortos

Investigacións arqueolóxicas na Serra do Barbanza (A Coruña): 2014-2018

Martes, 25 de xuño de 2019
Información

A Serra do Barbanza constitúese como unha área practicamente deshabitada na actualidade, pero que goza, non obstante, dunha enorme riqueza paisaxística, medioambiental e arqueolóxica, especialmente debido á gran presenza de túmulos funerarios de cronoloxía prehistórica. 

Esta intensidade do fenómeno tumular barbandés espertou o interese da arqueoloxía dende practicamente os inicios desta disciplina, sendo a Serra do Barbanza o escenario dunha serie de estudos que tiveron un enorme calado na Arqueoloxía galega. Porén, de modo máis ou menos involuntario, este tipo de interpretacións axudou a fomentar unha imaxe das serras e zonas altas da nosa comunidade como lugares nos que a presenza humana ao longo da historia sería escasa ou moi dispersa; proxectando ao pasado o papel de áreas periféricas ou marxinais que estas desempeñan nos modelos contemporáneos da ocupación do territorio. 

As investigacións realizadas na Serra do Barbanza ao longo do último lustro axudaron a mudar substancialmente esta imaxe, amosando con claridade como este lugar foi o escenario dunha ocupación humana moito máis intensa do que tradicionalmente se considerara. Así o suxire a identificación de máis de medio centenar de estruturas previamente descoñecidas cuxa orixe semella estar fundamentalmente relacionada coa explotación gandeira dos pequenos vales fluviais do alto da Serra. As escavacións arqueolóxicas realizadas dende 2014 permitiron identificar como algunhas destas construcións foron ocupadas durante un período de tempo que se estendería, cando menos, dende a Idade do Bronce até a Idade Media.

Neste encontro presentaranse os principais resultados das investigacións levadas a cabo na Serra do Barbanza ao longo dos últimos anos, ao tempo que se reflexionará sobre a importancia que estes teñen tanto para a Arqueoloxía galega como para o coñecemento sobre as orixes da explotación gandeira das zonas altas do noso país e para o futuro dunhas áreas que na actualidade tenden a atoparse económica e demograficamente deprimidas.

Ficha técnica
Habitando a terra dos mortos
Habitando a terra dos mortos
Encontro. Martes, 25 de xuño de 2019
Coordinación
Rebeca Blanco Rotea
Organiza
Consello da Cultura Galega
Sección de Patrimonio e Bens Culturais (CCG)
Inauguración
Rosario Álvarez Blanco
Modera
Rebeca Blanco Rotea
José Carlos Sánchez Pardo
Relator/a

LUGAR
Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2º andar
Praza do Obradoiro, s/n
15705 Santiago de Compostela
Tel.: 981 957 202 / Fax: 981 957 205