exposición:

Frei Martín Sarmiento e a Galicia do seu tempo. Exposicións didácticas

Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento, do 8 de febreiro ao 30 de xuño de 2002
Información

No ano 2002 o Consello da Cultura Galega preparou un  programa de actos en homenaxe ó Padre Sarmiento, ó que ese ano se lle adicou o Día das Letras Galegas. Unha das actividades foi a  exposición sobre a vida e obra do ilustre padre benedictino baixo o título de O Padre Sarmiento e a Galicia do seu tempo, nome baixo o que se recollen dúas exposicións que foron elaboradas en 1995 con motivo da celebración do terceiro centenario do nacemento do pai Sarmiento (Villafranca del Bierzo, 1695).


A exposición con fotografías de Xurxo Lobato e textos de Filgueira Valverde estructurouse en torno a dous eixos fundamentais: a vida e o tempo do Pai Sarmiento. Na primeira exposición pódese contemplar numerosas imaxes da casa e o lugar onde Martín Sarmiento naceu, en Villafranca do Bierzo: a casa onde naceu, a igrexa onde recibiu o bautismo,... pero tamén aqueles outros lugares de infancia, en Pontevedra, que logo lembraría nalgúns dos seus escritos. Do 'Gran Galego', apelativo que se lle deu pola súa dedicación ó longo de toda a súa vida ó estudio da lingua, as ciencias da natureza e a memoria histórica galega, tamén se recollen nesta mostra imaxes pertencentes a algunha das poucas obras que lle foron publicadas, ademais doutros documentos orixinais manuscritos ou cartas inéditas.


A segunda parte da exposición céntrase na situación na que se atopaba Galicia no tempo de Sarmiento, o século XVIII, século que para o caso galego caracterizouse por un florecemento económico e intelectual que se reflectiría na producción literaria de dúas figuras senlleiras no panorama intelectual daquel tempo: o Padre Feijoo e o Padre Sarmiento, colaboradores asiduos na elaboración e corrección de textos.

Temáticas
Ficha técnica
Frei Martín Sarmiento e a Galicia do seu tempo. Exposicións didácticas
Frei Martín Sarmiento e a Galicia do seu tempo. Exposicións didácticas
Exposición. Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento, do 8 de febreiro ao 30 de xuño de 2002