18:00 horas
Presentación
18:15 horas
Retos e compromisos morais ante o cambio climático
Carmen Velayos Castelo dialoga con J. José Pernas García
Carmen Velayos Castelo naceu en Ávila e é profesora titular de Filosofía Moral e Política na Facultade de Filosofía da Universidade de Salamanca. Tamén foi profesora de Ética e de Historia da Ciencia e da Tecnoloxía na Universidade Europea de Madrid (CEES) durante catro anos.
Realizou a que pode ser a primeira tese de doutoramento coñecida sobre ética ecolóxica en España, baixo a dirección de José Mª García Gómez-Heras, pioneiro español na fundamentación desta forma de entender a ética. A súa formación é fundamentalmente anglosaxoa (Irlanda, Gales, Estados Unidos), pero bebe tamén de fontes grecolatinas e europeas. Pertence ao Grupo de Ética da súa universidade (dirixido por Teresa López de la Vieja), que foi recoñecido como Grupo de Investigación de Excelencia GR41 da Xunta de Castela e León. Así mesmo, o dito grupo constituíu unha Unidade Asociada do Instituto de Filosofía do CSIC cun proxecto común sobre bioética. Foi membro de varios proxectos de investigación nacional e internacional, e impartiu conferencias sobre ética ecolóxica en diversos países europeos e americanos. É autora de traballos sobre ética en importantes revistas especializadas e en diversos libros, así: Ética y cambio climático (2008), Cambio climático e individualismo moderno (Horsori, 2015), La dimensión moral del ambiente natural: ¿necesitamos una nueva ética? (1996), Códigos deontológicos en los negocios (coautora xunto a Francés y Borrego) (2000), Rachel Carson: la revolución entrañable (en prensa). Como editora e coautora saíron á luz: Ética y ethos profesionales (2009), Tomarse en serio la naturaleza (coedición) (2003), Bioética. Perspectivas emergentes y nuevos problemas (2005) (coedición), Responsabilidad política y medio ambiente (coedición) (2007), Feminismo ecológico (coedición), Educación en bioética. Donación y trasplante de órganos (2008) (coedición).
Pertence e pertenceu a varios comités éticos e é directora da revista Azafea da Facultade de Filosofía de Salamanca.
J. José Pernas García é profesor titular de Dereito Administrativo da Universidade da Coruña. A súa investigación desenvólvese en materia de dereito ambiental e dereito da contratación pública. Formou parte de diversos proxectos europeos, estatais e autonómicos. Participou como relator en diferentes congresos, xornadas, seminarios e mestrados en varias universidades.
Ao longo da súa traxectoria universitaria publicou numerosos estudos en materia ambiental, fundamentalmente de dereito comunitario, instrumentos de protección ambiental, contaminación mariña e liberdades económicas. Ten artigos publicados en revistas e capítulos de libros sobre dereito ambiental, nomeadamente nos temas de dereito comunitario, autorizacións industriais, contaminación mariña e liberdade económica.