O Consello da Cultura Galega acolle a presentación do documental Transición silenciada: Historia do Servicio Universitario de Traballo (1950-1969) da Fundación 10 de Marzo.
Máis de catorce mil estudantes procedentes de todos os distritos universitarios coñeceron a realidade do mundo obreiro, do campesiño e das barriadas de chabolas a través das actividades do Servizo Universitario de Traballo (SUT). A iniciativa, lanzada polo xesuíta J. M. Llanos e logo tutelada polo SEU, desenvolveuse a través de máis de cincocentos campos de traballo, repartidos por todos os sectores de actividade e provincias, nove campañas de Educación Popular nas comarcas con maiores niveis de analfabetismo e a actuación asistencial e educativa á poboación emigrante que, en condicións infrahumanas, vivía nos suburbios da maioría das cidades españolas. A experiencia marcou a moitos dos participantes,mormente procedentes de familias conservadoras que máis tarde se incorporaron á loita antifranquista. En Galicia realizáronse cincuenta campos de traballo en moi diversos sectores: pesca, industria conserveira, química, cerámica, estaleiros e dúas campañas de educación popular, Ourense e Pontevedra en 1964 e Lugo en 1966. En Santiago de Compostela, os estudantes desenvolveron actividades de atención sanitaria, educativa e de construción en barriadas como Conxo, O Castiñeiriño ou A Choupana. Entre as persoas destacadas que pasaron polo SUT galego poderiamos salientar a Carlos París, Xoán Anllo, Juan Wulff, J. M. Calviño, Carlos de Blas ou Ezequiel Méndez.
Participarán:
Álvaro G. de Aguilar, Xoán Anllo, Emilio Criado (Asociación de Amigos do SUT)
Ricardo Gurriarán (Fundación 10 de Marzo)
Rosario Álvarez (Presidenta do Consello da Cultura Galega)