mesa redonda:

A Galicia navegante na investigación histórica

Pontevedra, mércores 18 de decembro de 2019
Información

 No ano 2019 conmemórase o quinto centenario da saída da expedición Magalhães/Elcano que completaría a primeira circunnavegación do planeta. A exposición «Inventio Mundi. Galicia nas viaxes transoceánicas. Séculos XV - XVII», instalada no Museo de Pontevedra e comisariada por Ofelia Rey Castelao, amosa as consecuencias que aquela formidable viaxe tivo para Galicia. Deu ao vello reino galego unha oportunidade de aproveitar a súa situación nas rutas atlánticas, as vantaxes dos seus portos e a tradición dos seus mariñeiros. Os Reis Católicos descartaran Galicia como núcleo da Carreira das Indias, pero os poderosos galegos aspiraban a ter parte nese xigantesco negocio. A Casa da Especiaría da Coruña foi un soño breve, pero deu a Galicia un notable protagonismo que tamén se debe celebrar.


Para entender mellor a importancia das navegacións na nosa literatura, organizouse  un ciclo de dous parladoiros que abordarán a importancia que as navegacións tiveron na nosa Historia e na nosa Literatura. Esta primeira mesa leva como título A Galicia navegante na investigación histórica e nela participarán Pilar Cagiao, José Manuel Vázquez Lijó, Anxo Rodríguez Lemos, baixo a coordinación de Ofelia Rey Castelao.


Será o mércores, 18 de decembro ás 19:30 horas, no andar 0 da zona acristalada do Sexto Edificio do Museo de Pontevedra


A exposición «Inventio Mundi. Galicia nas viaxes transoceánicas. Séculos XV - XVII» está organizada polo Consello da Cultura Galega e coa colaboración da Xunta de Galicia, a Deputación de Pontevedra e o Museo de Pontevedra. Permanecerá aberta dende o día 12 de novembro ata o día 14 de xaneiro no Edificio Sarmiento do Museo de Pontevedra. Máis información sobre a exposición en http://consellodacultura.gal/evento.php?id=200943

Ficha técnica
A Galicia navegante na investigación histórica
A Galicia navegante na investigación histórica
Mesa redonda. Pontevedra, mércores 18 de decembro de 2019
Coordinación
Ofelia Rey Castelao
Participante
Pilar Cagiao
José Manuel Vázquez Lijó

Edificio Sexto do Museo de Pontevedra
Andar 0 da zona acristalada
rúa Padre Amoedo Carballo, 3,
360002, Pontevedra