ciclo: FERNANDO BRONCANO

CICLO PENSARMOS

Fernando Broncano

Espazos intermedios e vínculos sociais. Para pensar a política do cotián

Xoves, 16 de xaneiro de 2020 ás 18:00 horas
Información
Posverdade, fascismos dixitais, tecnopersoas, precarización da vida, perda de liberdades, deterioración medioambiental, poshumanismo…. Enchemos de novos termos os andeis do noso pensamento. Asistimos a unha proliferación de palabras e conceptos para enfrontarnos a unha época convulsa. A economía do efémero demándanos respostas rápidas e simples ante problemas complexos. Pensar sen présas  ou debater ideas e visións diversas do mundo ficaron convertidas en actividades de luxo ou en ideas románticas doutros tempos. Agora todo semella moverse na inmediatez das redes. Porén, o pensamento necesita tempos de encontro, de compartir devagar perspectivas e dúbidas. Propoñémosvos neste ciclo de charlas, debates e intercambio de ideas un tempo compartido para a reflexión, para abordar os problemas da actualidade, para facer redes de conexións e contribuír a que sexamos un pouco máis libres. O vello dictum ilustrado, sapere aude, hoxe deveu máis necesario que nunca. “Atrévete a pensar” é un exercicio  a contracorrente, unha pequena revolución cotiá.  Quedades convidadas e convidados a un espazo compartido de reflexión e análise crítica do mundo que nos tocou vivir. Se pensar vos presta, agardámosvos cunha única condición, a predisposición a gozar das palabras compartidas.

Iniciado en 2019,  o ciclo Pensarmos continuará no ano 2020 cada cuarto xoves de mes para ofrecernos a oportunidade de encontrarnos con nomes relevantes no pensamento actual que establecerán un diálogo tanto con integrantes da Sección de Pensamento do Consello da Cultura Galega como co público asistente sobre temas tan vixentes como feminismo, fascismos, verdade, intimidade, investigación, precariedade ou humanismo.

Próxima sesións no primeiro semestre 2020

27 de febreiro de 2020: José María Lasalle
26 de marzo de 2020: Eulalia Pérez Sedeño
28 de maio de 2020: Alicia Puleo
25 de xuño de 2020: Nuccio Ordine
Ficha técnica
Fernando Broncano
Fernando Broncano
Ciclo. Xoves, 16 de xaneiro de 2020 ás 18:00 horas
Coordinación
Carme Adán Villamarín
Organiza
Consello da Cultura Galega
Sección de Pensamento (CCG)
Relator/a
Fernando Broncano

Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2º andar
Praza do Obradoiro, s/n
15705 Santiago de Compostela
Tel.: 981 957 202 / Fax: 981 957 205