Relatorio gravado e debate en directo e en aberto. Non é necesaria inscrición previa.
Posverdade, fascismos dixitais, tecnopersoas, precarización da vida, perda de liberdades, deterioración medioambiental, poshumanismo…. Enchemos de novos termos os andeis do noso pensamento. Asistimos a unha proliferación de palabras e conceptos para enfrontarnos a unha época convulsa.
A economía do efémero demándanos respostas rápidas e simples ante problemas complexos. Pensar sen présas ou debater ideas e visións diversas do mundo ficaron convertidas en actividades de luxo ou en ideas románticas doutros tempos. Agora todo semella moverse na inmediatez das redes.
Porén, o pensamento necesita tempos de encontro, de compartir devagar perspectivas e dúbidas. Propoñémosvos neste ciclo de charlas, debates e intercambio de ideas un tempo compartido para a reflexión, para abordar os problemas da actualidade, para facer redes de conexións e contribuír a que sexamos un pouco máis libres. O vello dictum ilustrado, sapere aude, hoxe deveu máis necesario que nunca. “Atrévete a pensar” é un exercicio a contracorrente, unha pequena revolución cotiá.
Quedades convidadas e convidados a un espazo compartido de reflexión e análise crítica do mundo que nos tocou vivir. Se pensar vos presta, agardámosvos cunha única condición, a predisposición a gozar das palabras compartidas. Iniciado en 2019, o ciclo Pensarmos continúa no ano 2021 cada cuarto xoves de mes para ofrecernos a oportunidade de encontrarnos con nomes relevantes no pensamento actual que establecerán un diálogo tanto con integrantes da Sección de Pensamento do Consello da Cultura Galega como co público asistente sobre temas tan vixentes como feminismo, fascismos, verdade, intimidade, investigación, precariedade ou humanismo.
23 de febreiro
Emisión gravada da conferencia
"Sexo, mentiras e neurociencia"
25 de febreiro
18:00 horas
Emisión en directo do diálogo entre Eulalia Pérez Sedeño, Carmen Lema Devesa e Carme Adán
Eulalia Pérez Sedeño é profesora de Investigación en Ciencia, Tecnoloxía e Xénero no Instituto de Filosofía do CSIC e catedrática, en excedencia, de Lóxica e Filosofía da Ciencia da UPV/EHU. Foi profesora e investigadora na Universitat de Barcelona, na Complutense de Madrid, na de Cambridge e na de California en Berkeley. Foi directora xeral da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología, presidenta da Sociedad de Lógica, Metodología y Filosofía de la Ciencia e vicepresidenta da Asociación de Mujeres Investigadoras y Tecnólogas. Participa en diferentes comisións de especialistas nacionais e internacionais e pertence a diversos comités científicos de revistas nacionais e internacionais. Na actualidade coordina a Red Iberoamericana de Ciencia, Tecnología y Género, formada por máis de 100 investigadoras de 11 países. Dirixiu numerosos proxectos nacionais e internacionais, todos financiados a través de convocatorias competitivas, entre os que destacan: GENTEC: Género, tecnología y ciencia en Iberoamérica (2002-2004), Visiones y versiones de las tecnologías biomédicas: gobernanza, participación pública e innovaciones ocultas (2013-2015) ou Voces múltiples, saberes plurales y tecnologías biomédicas (2016-2019). Publicou e editou máis de cen libros ou artigos. Os últimos libros: Las‘mentiras’ científicas sobre las mujeres (con D. García Dauder), 2017; e Knowledges, Practices and Activism from Feminist Epistemologies (eds. Eulalia Pérez Sedeño, Lola S. Almendros, D. García Dauder e Esther Ortega Arjonilla), 2019.
Carmen Lema Devesa é licenciada en Medicina e Cirurxía pola USC en 1989. É especialista en Neuroloxía vía MIR desde 1993 e doutora en Medicina pola USC en 1994 coa tese “Alteraciones cognoscitivas en la Enfermedad de Parkinson”. Traballou como médica especialista en Neuroloxía no SERGAS desde 1994, inicialmente no Hospital A. Marcide de Ferrol (1994-1995), no Hospital Provincial de Conxo de Santiago de Compostela (1995-2003), como técnica da función administrativa rama económica por oposición no CHUAC (2000-2005) e como FEAS por oposición no CHUAC (2005-actualidade), exerceu como xefa do Servizo de Neuroloxía en comisión de servizo (2010-2016). Actualmente desenvolve a súa actividade profesional na unidade de enfermidades desmielinizantes do servizo de Neuroloxía do CHUAC, en particular no ámbito da Esclerose Múltiple, e con actividade asistencial en neuroloxía xeral na mesma institución. É autora de publicacións de ámbito nacional e internacional. Colabora activamente en congresos de Neuroloxía e Economía da Saúde de ámbito nacional e internacional. É membro da Sociedade Galega de Neuroloxía, da Sociedad Española de Neurología e da Asociación de Economía de la Salud; membro do grupo de xestión e asistencia neurolóxica da Sociedad Española de Neurología, onde colaborou como secretaria ou vogal en diferentes períodos.
www.consellodacultura.gal
difusion@consellodacultura.gal
Consulta os materiais en http://consellodacultura.gal
A actividade non será presencial. Será retransmitida a través do noso web e da nosa canle en Youtube nas horas indicadas e logo permanecerá na Mediateca para consultas futuras.
- O 23 de febreiro subirase a emisión gravada da conferencia e o 25 de febreiro terá lugar o debate ás 18:00 horas.
Non é necesaria inscrición previa.
Se queres participar podes enviar previamente as túas preguntas ou facelo en directo durante os debates no correo participa@consellodacultura.gal