Ciclo en liña: Diálogos confinados

Fundacións

DIÁLOGOS CONFINADOS (3)

Esta serie de entregas audiovisuais, a modo de pílulas culturais, ten por obxectivo tomarlle o pulso á cultura galega nesta situación de parálise provocada pola COVID-19. Diferentes voces dos múltiples ámbitos que abrangue o complexo sector cultural achegarannos as súas percepcións sobre a realidade que están a vivir mediante breves diálogos moderados por persoas vinculadas ao Consello da Cultura Galega. Coñeceremos así tamén as súas expectativas de futuro a curto e medio prazo e mais que medidas cren necesario adoptar para paliar os estragos que está a causar no mundo da cultura. O obxectivo é tecermos unha radiografía polifónica da cultura confinada desde Galicia, coas súas perspectivas e demandas para un futuro inmediato. Con esta aposta, xunto cos informes que está a realizar do xeito continuo o Observatorio da Cultura Galega e co traballo xornalístico do seu portal de divulgación cultural culturagalega.gal, o Consello da Cultura Galega quérese facer eco da preocupación do mundo da cultura e contribuír a sumar propostas que enriquezan o debate sobre o futuro dun sector, o cultural, que se demostrou esencial para as nosas vidas.

Información
Nesta terceira entrega de Diálogos confinados, Santiago Montes, redactor de culturagalega.gal, dialoga con:

Uxío Novoneyra
Licenciado e DEA en CC. Políticas e da Administración pola USC, Master en UE e Xestión de fondos comunitarios pola UDC. Consultor de financiamento e internacionalización para o desenvolvemento territorial e o sector cultural, é secretario fundador en 2010 da fundación Uxío Novoneyra e coordinador das súas actividades. Nestes 10 anos de vida, ademais de convertir a casa natal en casa-museo e centro cultural con máis de 5.000 visitantes ao ano e ao seu perímetro, coa consecución da declaración do Souto da Rubial como "Árbores senlleiras" e a rehabilitación da casa-escola de María Mariño.
Xosé María Varela
Docente na rama de Ciencias Sociais e Lingua Galega e participante en movementos de renovación pedagóxica na comarca bergantiñá, é xerente da Fundación Eduardo Pondal desde a súa creación (2008). As diferentes organizacións que coordina gañaron os premios "Bergantiñán do ano" (Monte Branco, Fundación Eduardo Pondal e Aldea do Couto). A Fundación Eduardo Pondal recibiu Premio Costa da Morte, Premio da Cultura Galega , premio Agader e Premio Rosalía de Castro.


Neste encontro, que ben poderiamos titular "De Pondal a Novoneyra" como na obra homónina de XL Méndez Ferrín, abordáronse interesantes cuestións relativas á cultural local e ás perspectivas de futuro dunhas fundacións de legado literario con gran traballo de base territorial no rural. O traballo de dinamización cultural da Fundación Eduardo Pondal na Aldea do Couto en Ponteceso e da Fundación Uxío Novoneyra en Parada do Courel foron postos de relevo, así e como a dimensión cultural, turística e educativa dunhas fundacións que moven público da contorna e tamén alleo coa celebración do seus festivais por excelencia, o Festiletras e o Festival dos Eidos. É o gran momento de reiventarse e do pequeno, afirman, polo que a clave pode estar na universidade rural, no turismo de proximidade e no labor educativo doutros públicos como é a de terceira idade.

Ficha técnica
Fundacións
Fundacións
Ciclo en liña. Luns, 11 de maio de 2020
Modera
Santiago Montes
Participante
Uxío Novoneyra
Xosé María Varela
Organiza
Consello da Cultura Galega

Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2º andar
Praza do Obradoiro, s/n 15705
Santiago de Compostela
Tel.: 981 957 202 / Fax.: 981 957 205