Esta serie de entregas audiovisuais, a modo de pílulas culturais, ten por obxectivo tomarlle o pulso á cultura galega nesta situación de parálise provocada pola COVID-19.
Diferentes voces dos múltiples ámbitos que abrangue o complexo sector cultural achegarannos as súas percepcións sobre a realidade que están a vivir mediante breves diálogos moderados por persoas vinculadas ao Consello da Cultura Galega. Coñeceremos así tamén as súas expectativas de futuro a curto e medio prazo e mais que medidas cren necesario adoptar para paliar os estragos que está a causar no mundo da cultura. O obxectivo é tecermos unha radiografía polifónica da cultura confinada desde Galicia, coas súas perspectivas e demandas para un futuro inmediato.
Con esta aposta, xunto cos informes que está a realizar do xeito continuo o Observatorio da Cultura Galega e co traballo xornalístico do seu portal de divulgación cultural culturagalega.gal, o Consello da Cultura Galega quérese facer eco da preocupación do mundo da cultura e contribuír a sumar propostas que enriquezan o debate sobre o futuro dun sector, o cultural, que se demostrou esencial para as nosas vidas.
Nesta quinta entrega de Diálogos confinados, Dolores Vilavedra, coordinadora da Sección de Música e Artes Escénicas do CCG, dialoga con:
Yolanda Castaño
Poeta, filóloga, tradutora, videocreadora e unha activa e premiada xestora cultural coa súa propia Residencia para Escritores/as na Coruña. Dende 2009 dirixe obradoiros literarios, obradoiros internacionais de tradución poética, festivais e ciclos mensuais de poesía sempre con autores/as galegos/as e internacionais. Eva Mejuto
Xestora cultural e autora. Desenvolveu a súa vida laboral no eido editorial (Kalandraka e OQO) e desde hai tres anos, é xestora cultural da empresa Capicúa que se encarga de, entre outras, a organización do Salón do Libro de Pontevedra.
Este encontro sobre creación e xestión cultural no eido das letras xuntou a dúas autoras con ampla bagaxe no mundo da xestión cultural e creación literaria ben dende a poesía (Yolanda Castaño) ou dende a obra destinada a público infantil e familiar (Eva Mejuto). Ambas as dúas autoras fixeron fincapé na febleza xa previa do sistema cunha alta precariedade e que se agudizou coa parálise derivada do covid-19. A reconfiguración de eventos, a convivencia necesaria do virtual co real, a necesidade de adaptación á nova situación e evitar a terrible inercia da gratuidade foron algúns dos asuntos sinalados.
Indicáronse, ademais, unha serie de medidas concretas para axudar a encamiñar esta situación actual do sector neste momento de incerteza e que pasan pola dignificación do oficio da escrita (sen a cal non hai industria editorial, nin bibliotecas nin investigación, nin historia da literatura); a organización das tarifas; o estabelecemento de axudas públicas á creación literaria; un compromiso institucional firme para que a cultura, como o turismo, sexa unha prioridade para o país e a apelación á responsabilidade individual como público de valorar este traballo cultural, de consumilo, de asistir aos eventos, de compensar o esforzo das creadoras e creadores que ofreceron e ofrecen contidos culturais para o goce da cidadanía.
LUGAR Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2º andar
Praza do Obradoiro, s/n 15705
Santiago de Compostela
Tel.: 981 957 202 / Fax.: 981 957 205
MAÍS INFORMACIÓN Esta serie de entregas audiovisuais, a modo de pílulas culturais, ten por obxectivo tomarlle o pulso á cultura galega nesta situación de parálise provocada pola COVID-19.