Félix Duque

O neohumanismo da non cidade

Santiago de Compostela, 07/02/2007
Información

Nesta conferencia Félix Duque falou, ante un auditorio dunhas trinta persoas, sobre “O neohumanismo da non-cidade” e un novo xeito de achegarse ao arquitectónico e ao urbanismo, atacando o “imperio democrático” neoliberalista e disertando sobre a relación entre cidade e pensamento. Duque considera que, para o humanismo se soster, é preciso manter a idea teleolóxica da preeminencia de certas persoas. Nesta idea subxace un claro imperialismo, polo que para Duque o “Neohumanismo” é a doutrina que establece “Este home é universal por ser norteamericano ou afín”. A alternativa preséntase nuns Estados dispostos a ceder parte da súa soberanía e construír un espazo común: a Unión Europea. As diferentes concepcións do mundo que teñen Estados Unidos e Europa ¿materialízanse no xeito de habitar a terra? Nalgúns casos créase unha confrontación entre unha situación de dispersión no medio da Natureza e o arraigo no planeta, e ao respecto sostén Duque que o American way of life se corresponde mellor co Neohumanismo que co Neohistoricismo europeo. Subliñada a semellanza entre construción e pensamento, Duque presenta a necesidade de continuar explorando a complexa relación entre o home, a arquitectura e os contextos natural, xeográfico, histórico e cultural para facer habitable a terra. Félix Duque Pajuelo é licenciado en Filosofía (1970) e Psicoloxía (1971) pola Universidade Complutense de Madrid, e doutor pola mesma universidade en 1974 coa tese: Experiencia y sistema. Una investigación sobre el “Opus postumum” de Kant. Entre 1974 e 1982 impartiu Antropoloxía, Filosofía da Natureza e Metafísica nas Universidades Complutense de Madrid, de Valencia e Autónoma de Madrid. Entre 1982 e 1988 foi Catedrático de Metafísica na Universidade de Valencia. Durante ese período foi “Gastprofessor” no Hegel-Archiv der Ruhr Universität Bochum entre os anos 1983-1985 e 1987-1988. Dende 1988 é Catedrático de Filosofía (Historia da Filosofía Moderna) na Universidade Autónoma de Madrid. A súa investigación orientouse primeiro cara a antropoloxía, a filosofía da natureza e a hermenéutica. Na actualidade investiga sobre as doctrinas do idealismo alemán e do romanticismo, así como sobre filosofía da técnica e da cultura, mito e relixión, e tamén arte contemporáneo (postmodernismo).

Ficha técnica
Félix Duque
Félix Duque
Ciclo. Santiago de Compostela, 07/02/2007
Presenta
Ramón Máiz Suárez
Relator/a
Félix Duque
Organiza
Consello da Cultura Galega

Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2º andar
Praza do Obradoiro, s/n 15705
Santiago de Compostela
Tel.: 981 957 202 / Fax.: 981 957 205