Ciclo en liña: Diálogos confinados

Videoxogos

DIÁLOGOS CONFINADOS (6)

Esta serie de entregas audiovisuais, a modo de pílulas culturais, ten por obxectivo tomarlle o pulso á cultura galega nesta situación de parálise provocada pola COVID-19. Diferentes voces dos múltiples ámbitos que abrangue o complexo sector cultural achegarannos as súas percepcións sobre a realidade que están a vivir mediante breves diálogos moderados por persoas vinculadas ao Consello da Cultura Galega. Coñeceremos así tamén as súas expectativas de futuro a curto e medio prazo e mais que medidas cren necesario adoptar para paliar os estragos que está a causar no mundo da cultura. O obxectivo é tecermos unha radiografía polifónica da cultura confinada desde Galicia, coas súas perspectivas e demandas para un futuro inmediato. Con esta aposta, xunto cos informes que está a realizar do xeito continuo o Observatorio da Cultura Galega e co traballo xornalístico do seu portal de divulgación cultural culturagalega.gal, o Consello da Cultura Galega quérese facer eco da preocupación do mundo da cultura e contribuír a sumar propostas que enriquezan o debate sobre o futuro dun sector, o cultural, que se demostrou esencial para as nosas vidas.

Información
Nesta sexta entrega de Diálogos confinados, Manuel Gago, director de culturagalega.gal, dialoga con:

Fernando Prieto
É Partner – General Manager de Gato Salvaje Estudio. O estudio lanza este mes de xuño The Waylanders un xogo de rol que presenta un sistema innovador e táctico no que dá vida ás lendas das culturas celtas. Inspirado en xogos como Neverwinter Nights 2 e Dragon Age Origins, conta cun estilo innovador e unha historia escrita por guionistas de primeiro nivel.
Carla Bolaños
Graduada en Comunicación Audiovisual e actual estudiante do mestrado en Deseño, Desenvolvemento e Comercialización de Videoxogos da UDC. Especializada en deseño de niveis e xogabilidade, destaca polo seu proxecto Odal, realizado coma TFG na carreira, que se trata dun videoxogo metroidvania de plataformas e fantasía que se atopa nestes momentos en desenvolvemento. Actualmente compaxina os seus estudos co traballo de UX Designer en Digital Monster Collective.

40 horas de xogo. 400 páxinas de guión. 40 persoas traballando. 3 anos de traballo. Son as cifras que tecen os vimbios de The Waylanders, un roleplay game que nos propón unha historia e un escenario en dous tempos: a Galicia celta do s. IV a.c. e a Galicia medieval ambientada no s.XII, un proxecto pioneiro non só en Galicia senón en España que verá a luz este mes de xuño. Atrás deste proxecto está Gato Salvaje Estudio, unha empresa galega que aposta polo talento local e o a distribución no mercado internacional. Un dos seus representantes, Fernando Prieto, reinvidica o inmenso potencial creativo de Galicia e fai fincapé na necesidade de afondar na planificación financeira e acceso á liquidez para asentar os proxectos. Pola súa parte, Carla Bolaños é estudante do mestrado e UX Designer en Digital Monster Collective, un colectivo multidisciplinar galego centrado na produción de curtametraxes, animación e videoxogos. O seu traballo TFG, Odal -que xa foi visto en distintos encontros de Santiago, Barcelona e Madrid- é un xogo de plataformas que nos leva a un futuro distópico no que o malgasto de recursos obriga á protagonista, unha alquimista, a viaxar ao mundo subterráneo na procura dunha flor que, segundo conta a a lenda, será quen de devolver a maxia. Dende o seu punto de vista estudantil, Carla insiste na necesidade de crear vínculos entre universidade e empresa e unha aposta tamén polas subvencións como vía para sacar adiante proxectos.

Ficha técnica
Videoxogos
Videoxogos
Ciclo en liña. Luns, 1 de xuño de 2020
Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2º andar
Praza do Obradoiro, s/n 15705
Santiago de Compostela
Tel.: 981 957 202 / Fax.: 981 957 205