Ciclo en liña: Diálogos confinados

Audiovisual

DIÁLOGOS CONFINADOS (7)

Esta serie de entregas audiovisuais, a modo de pílulas culturais, ten por obxectivo tomarlle o pulso á cultura galega nesta situación de parálise provocada pola COVID-19. Diferentes voces dos múltiples ámbitos que abrangue o complexo sector cultural achegarannos as súas percepcións sobre a realidade que están a vivir mediante breves diálogos moderados por persoas vinculadas ao Consello da Cultura Galega. Coñeceremos así tamén as súas expectativas de futuro a curto e medio prazo e mais que medidas cren necesario adoptar para paliar os estragos que está a causar no mundo da cultura. O obxectivo é tecermos unha radiografía polifónica da cultura confinada desde Galicia, coas súas perspectivas e demandas para un futuro inmediato. Con esta aposta, xunto cos informes que está a realizar do xeito continuo o Observatorio da Cultura Galega e co traballo xornalístico do seu portal de divulgación cultural culturagalega.gal, o Consello da Cultura Galega quérese facer eco da preocupación do mundo da cultura e contribuír a sumar propostas que enriquezan o debate sobre o futuro dun sector, o cultural, que se demostrou esencial para as nosas vidas.

Información
Nesta sétima entrega de Diálogos confinados, Xermán Hermida, xornalista de culturagalega.gal, dialoga con:

Paula Cons
Produtora executiva directora e guionista. Directora do documental histórico e de investigación La Batalla desconocida e guionista e produtora executiva do filme Lobos sucios vén de estrear como directora o filme La isla de las mentiras. Actualmente está traballando nunha longametraxe documental titulada A Cero.5 e no documental 2 vellas, 7 gatos e 3 máquinas de coser .
Mamen Quintas
Produtora executiva de Ficción Produccións, responsable de series como Hospital Real, O Códice, Vivir sen permiso ou Nada es para siempre. Acaba de retomar a rodaxe da serie 3Caminos, unha das grandes apostas audiovisuais do Xacobeo 2021.

Este encontro sobre audiovisual xuntou a dúas creadoras ás que o confinamento sorprendeu en dous momentos diferentes do proceso de elaboración dun produto audiovisual. Mamen Quintas atopábase en pleno proceso de rodaxe da serie 3Camiños e, por outro lado, Paula Cons estaba a piques de estrear o filme La isla de las mentiras. A parálise provocada pola crise do covid-19 modificou os plans previstos e o desenvolvemento dos seus proxectos, unha problemática que afecta a toda a cadea de produción audiovisual que emprega a 800.000 persoas en toda España. O reinicio simultáneo de moitas rodaxes, a parálise e tímido comezo das exhibicións, a suspensión de festivais e as dificultades para chegar a distribuidores afectan a un sector xa de seu precario e de ocupación discontinua na que existen elos especialmente febles como son o técnico, o creador ou o actoral. As desgravacións fiscais, unha flexibilización e axilización das axudas e a alta demanda das plataformas debida ao alto consumo audiovisual producido durante o confinamento configúrasen elementos de esperanza para a a viabilidade do sector.

Ficha técnica
Audiovisual
Audiovisual
Ciclo en liña. Luns, 8 de xuño de 2020
Participante
Paula Cons Varela
Mamen Quintas Cruceira
Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2º andar
Praza do Obradoiro, s/n 15705
Santiago de Compostela
Tel.: 981 957 202 / Fax.: 981 957 205