12. Anthony Pagden: Da monarquía católica á república virtuosa. O imaxinario político na creación do mundo iberoamericano

As circunstancias extraordinarias que estamos a vivir obrígannos a repensar e a repensármonos. Por iso, neste tempo de confinamento en que non nos podemos xuntar para Pensarmos presencialmente no Consello da Cultura Galega cada terceiro xoves de mes, imos ir ofrecendo semanalmente a visión de distintos pensadores e pensadoras sobre temas de actualidade diversa para irmos construíndo coñecemento e suscitando o necesario debate. Para isto aproveitaremos os contidos do segundo volume de O(s) sentido(s) da(s) cultura(s) que acaba de ver a luz. Ao texto escrito sumaremos as gravacións das conferencias que inclúen os debates a que deron lugar, en interacción co público, entre o que se conta un selecto grupo de convidados e convidadas que tiñan acceso previo aos textos e opinión meditada. Nesta nova entrega presentamos a Anthony Pagden, da Universidade de California

Información
O profesor da Universidade de California Anthony Pagden reflexiona sobre as bases coas que se crearon as repúblicas do antigo dominio español en América a partires das guerras de independencia dos anos 10-20 do século XIX, e como foi a herdanza da revolución francesa máis que a inglesa a que configurou a base ideolóxica sobre a que creceron as nacentes repúblicas iberoamericanas, constituíndo unha notable fronteira entre elas e a veciña do norte, emancipada medio século antes da coroa británica.
A conferencia estrutúrase en dúas partes. Na primeira, Pagden reflexiona sobre os diferentes intentos desde a intelectualidade peninsular española de converter o dominio monárquico dos territorios nunha unión real, onde todos se sentisen partícipes do mesmo estado. A este respecto destaca a importancia de José del Campillo: “A América española fora fundada e aínda se dirixía [1760] seguindo os intereses do que para mediados do século XVIII fora identificado como o malestar nacional primordial: o espírito de conquista”. Nesta liña atópanse Pedro Rodríguez Campomanes, que avogaba porque a monarquía “mudase o seu ser”, ou Melchor Gaspar de Jovellanos. Os tres “defendían a mudanza económica e estrutural e non unha mudanza política; mudanza como medio para achegar a monarquía española ao seu novo ser moderno e comercial”. Nesta liña está o político Conde de Aranda, advertindo que se non se tomaban medidas os Estados Unidos dominarán o continente: “Chegará un día en que esta república federal creza e se torne xigante e aínda coloso terrible naquelas rexións”. A segunda parte, centra a súa atención no proceso de independencia americano e nas bases filosóficas que o propiciaron, así como as peculiaridades propias dos habitantes: “Os españois de América estaban, no entanto, nunha situación moito máis precaria ca os seus veciños do norte”. Diferenza entre nación política e nación cultural respecto destes territorios, así como a existencia dun republicanismo antigo ante o moderno que sería o triunfante nas Trece colonias: “Unha especie de republicanismo antigo parecía ofrecer a posibilidade de rexeneración económica e social dentro dunha comunidade unida na que, dado que a república antiga era oligárquica, as elites antigas podían acumular todo o poder e a riqueza”.


Da monarquía católica á república virtuosa. O imaxinario político na creación do mundo iberoamericano

Anthony Pagden, da Universidade de California
Ficha técnica
12. Anthony Pagden: Da monarquía católica á república virtuosa. O imaxinario político na creación do mundo iberoamericano
12. Anthony Pagden: Da monarquía católica á república virtuosa. O imaxinario político na creación do mundo iberoamericano
Ciclo en liña. Os xoves (RE)PENSAMOS
Relator/a
Anthony Pagden
Organiza
Consello da Cultura Galega
Sección de Pensamento (CCG)