Diálogos confinados (11): Montaxe e produción de exposicións

DIÁLOGOS CONFINADOS (11)

Esta serie de entregas audiovisuais, a modo de pílulas culturais, ten por obxectivo tomarlle o pulso á cultura galega nesta situación de parálise provocada pola COVID-19. Diferentes voces dos múltiples ámbitos que abrangue o complexo sector cultural achegarannos as súas percepcións sobre a realidade que están a vivir mediante breves diálogos moderados por persoas vinculadas ao Consello da Cultura Galega. Coñeceremos así tamén as súas expectativas de futuro a curto e medio prazo e mais que medidas cren necesario adoptar para paliar os estragos que está a causar no mundo da cultura. O obxectivo é tecermos unha radiografía polifónica da cultura confinada desde Galicia, coas súas perspectivas e demandas para un futuro inmediato. Con esta aposta, xunto cos informes que está a realizar do xeito continuo o Observatorio da Cultura Galega e co traballo xornalístico do seu portal de divulgación cultural culturagalega.gal, o Consello da Cultura Galega quérese facer eco da preocupación do mundo da cultura e contribuír a sumar propostas que enriquezan o debate sobre o futuro dun sector, o cultural, que se demostrou esencial para as nosas vidas.

Información
Nesta undécima entrega de Diálogos confinados,
Rosario Sarmiento, xestora cultural e integrante da Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas do CCG, dialoga con:

Jesús Mosquera. Alma máter e socio de Jega Comunicación Visual (http://jegagrafica.es/) con vinte anos de proxectos ás costas da man de entidades como ABANCA, Museos Científicos Coruñes, Fundación Luís Seoane, Museo Unión Fenosa ou o MUNCYT.

Raquel Seijas. Xefa de produción de eventos de ESCENOSET á que leva vinculada dende 2008. ESCENOSET (http://www.escenoset.es/gl) conta cun amplo abano de clientes como a Cidade da Cultura, Museo de Historia Natural Luís Iglesias da USC, Consellería do Mar, Estrella Galicia ou a TVG.


Neste undécimo encontro, recuncamos no sector das artes plásticas, desta volta dende o ámbito menos coñecido para o público pero sen dúbida de grande importancia para o ámbito artístico como é o da produción e montaxe de exposicións. Trátase de equipos profesionais esenciais para facer realidade os proxectos expositivos, interlocutores necesarios e encargados de levar a cabo a complexa loxística que existe tras a montaxe dunha exposición temporal ou dun museo (deseño, sinalética, rotulación, iluminación etc...).

Ambos profesionais destacaron que o momento de parón inicial derivado do covid-19 foi aproveitado para unha diversificación de actividade e a profundización no ámbito dixital, pero que esta última non debería substituír a experiencia sensorial creada na visita ás exposicións físicas, coas que no futuro deberían convivir. Nese sentido salientan que na actualidade prima a contratación da exposición exterior e da demanda dixital, aínda que confían en que non se demore a recuperación do interior como espazo expositivo. Estes creadores de arquitecturas efémeras coinciden en que a actual crise pode ser máis breve ca do 2008 e que debería servirnos para volver ao esencial onde as macroexposicións dos grandes contedores culturais convivan coas exposicións locais e de pequenos artistas que necesitan tamén plataformas e espazos de difusión. Unha maior formación nas escolas para a valoración dos bens culturais do público do futuro; o establecemento de medidas de protección non só das persoas usuarias senón tamén dos prestatarios dos servizos; a reactivación da contratación de calidade e inxección económica por parte do sector público; a eliminación de trabas administrativas; a apertura de novas liñas de traballo e o reforzo do ámbito dixital son algunhas das claves que se deberían abordar a curto e medio prazo para un sector coa ollada posta na reactivación do traballo xa de cara ao último trimestre deste ano.



Ficha técnica
Diálogos confinados (11): Montaxe e produción de exposicións
Diálogos confinados (11): Montaxe e produción de exposicións
Ciclo en liña. Luns, 13 de xullo de 2020
Modera
Rosario Sarmiento
Participante
Jesús Mosquera
Raquel Seijas
Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2º andar
Praza do Obradoiro, s/n 15705
Santiago de Compostela
Tel.: 981 957 202 / Fax.: 981 957 205