Diálogos confinados (13): Artesanía

DIÁLOGOS CONFINADOS (13)

Esta serie de entregas audiovisuais, a modo de pílulas culturais, ten por obxectivo tomarlle o pulso á cultura galega nesta situación de parálise provocada pola COVID-19. Diferentes voces dos múltiples ámbitos que abrangue o complexo sector cultural achegarannos as súas percepcións sobre a realidade que están a vivir mediante breves diálogos moderados por persoas vinculadas ao Consello da Cultura Galega. Coñeceremos así tamén as súas expectativas de futuro a curto e medio prazo e mais que medidas cren necesario adoptar para paliar os estragos que está a causar no mundo da cultura. O obxectivo é tecermos unha radiografía polifónica da cultura confinada desde Galicia, coas súas perspectivas e demandas para un futuro inmediato. Con esta aposta, xunto cos informes que está a realizar do xeito continuo o Observatorio da Cultura Galega e co traballo xornalístico do seu portal de divulgación cultural culturagalega.gal, o Consello da Cultura Galega quérese facer eco da preocupación do mundo da cultura e contribuír a sumar propostas que enriquezan o debate sobre o futuro dun sector, o cultural, que se demostrou esencial para as nosas vidas.

Información
Nesta décimoterceira entrega de Diálogos confinados, Rebeca Blanco-Rotea, coordinadora da Sección de Patrimonio e Bens Culturais do Consello da Cultura Galega, dialoga con:

Idoia Cuesta, cesteira e creadora téxtil.

Elena Ferro, zoqueira, cabeza visible de EFerro.

Quen non recoñece a simple vista os zocos de Eferro ou os cestos de Idoia Cuesta? Artesá, con obradoiro de produción asentado no rural interior, Premio Nacional de Artesanía, artífice da recuperación e salto á modernidade dun produto da artesanía tradicional galega e cabeza visible de marca propia asentada baixo o seu nome, convertida xa en símbolo recoñecible polo público e con proxección internacional. Esta é a descrición común das dúas artesás que hoxe nos acompañan no diálogo confinado dedicado á artesanía. Como se viviron os momentos iniciais da pandemia e cal é a súa expectativa de futuro inmediato? As dúas artesás afirman que, logo da xestión das cancelacións provocadas no inicio da crise sanitaria, ambas creadoras centráronse en organizar o traballo nos obradoiros, aproveitar o stock de materia prima existente sen investimentos en novas compras; creación de produtos asequibles para a nova situación económica do mercado e incremento da atención á venda online. Esta última reitérase como importante vía de mercado, dada a parálise actual das feiras, a redución das visitas ás tendas físicas, o turismo ou os cursos de formación que, lentamente, comezan a se retomar. O achegamento ao produto de proximidade, a creación da tenda online da marca Artesanía de Galicia e o posicionamento nas redes sociais suman pasos para saír dunha crise máis difícil ca do ano 2008 cando comezaban cos seus proxectos pioneiros, pero que presenta tamén novas oportunidades nun contexto mundial diferente. A necesidade de autenticidade e a ollada rural que permite entender a aposta pola artesanía como unha semente que debe ser mimada e traballada para recolectar o froito a longo prazo son os os dous piares do seu traballo e tamén os consellos para a xente nova que ofrecen estas creadoras, xa convertidas en referentes internacionais da artesanía de Galicia.

Ficha técnica
Diálogos confinados (13): Artesanía
Diálogos confinados (13): Artesanía
Ciclo en liña. Luns, 20 de xullo de 2020
Modera
Rebeca Blanco Rotea
Relator/a
Idoia Cuesta
Elena Ferro
Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2º andar
Praza do Obradoiro, s/n 15705
Santiago de Compostela
Tel.: 981 957 202 / Fax.: 981 957 205