Violencia Comparada

Formas de violencia de xénero

Violencia Comparada

13 e 20 de novembro de 2020
Santiago de Compostela
Xornada
Formas de violencia de xénero

Violencia Comparada

13 e 20 de novembro de 2020 Santiago de Compostela
A estatística como parte da matemática representa un proceso dedutivo que xorde dun coñecemento propio e dinámico obtido a través dun método científico formal, e ten como función obter un coñecemento derivado da experimentación e da observación empírica, partindo sempre dun fenómeno fáctico ou natural a través dunha mostra de poboación suficientemente representativa. Unha vez que se recolle a información estatística, procédese a analizar os datos extraídos desta e a interpretar os resultados.
Isto que parece sinxelo non o é tanto porque, ante todo, a estatística non só pretende obter un resultado numérico senón tamén expoñer de que forma se desenvolve unha situación en específico e, sobre todo, analizar os problemas sociais que se derivan de cada un dos estudos realizados.
Con esta xornada, que presentamos este ano en formato en liña, pretendemos fundamentalmente ofrecer a relevancia da probabilidade estatística como forma de medición da certeza, é dicir, do que está a acontecer na sociedade nun tema tan importante como a violencia sobre mulleres e menores. Por isto, a relevancia dos cómputos estatísticos en materia de violencia persegue expoñer dende os diferentes ámbitos estatísticos de que se dispón neste momento, a importancia de contabilizar o que acontece, así como a necesidade de facer visible a violencia que concorre na sociedade. Esta visibilización estatística como certeza do que está acontecendo implicaría ademais a posibilidade de derrubar os imaxinarios sociais que persisten en temas tan evidentes e que afectan desproporcionadamente ás mulleres, dende a violencia sexual, os asasinatos, as agresións, o impacto psíquico da violencia até a violencia simbólica.
Cómpre destacar que a normativa actual nacional e internacional na materia que nos ocupa determina a necesidade de realizar o cómputo estatístico desta grave situación social tan esquecida, e que permite un grande avance nesta materia coa busca dos datos así como das posibles solucións como finalidade última do cómputo. Así, cabe destacar como o Convenio de Istambul no seu artigo 11 determina claramente a necesidade da recompilación estatística que os Estados asinantes, entre eles España, se comprometen a realizar unha vez entrado en vigor o devandito convenio, sen esquecer que os países asinantes están obrigados a proporcionar a información das citadas estatísticas a través de todos os medios ao seu alcance.
Con esta xornada e grazas á colaboración e ao esforzo das persoas participantes, pretendemos expoñer un estudo dinámico e crítico acerca da situación da violencia sobre mulleres e menores, achegando a recompilación desta á sociedade, esta gran débeda que todos os poderes públicos temos neste momento, sendo un imperativo inexorable a recollida e análise de todos os datos, así como a súa divulgación para comprender o funcionamento da violencia e poder combatela.
ASISTENCIA
A actividade non será presencial. Será retransmitida a través do noso web e da nosa canle en youtube nas horas indicadas e logo permanecerá na Mediateca para consultas futuras.
Non é necesaria inscrición previa.
Se queres participar no debate en directo podes facelo a través do correo participa@consellodacultura.gal
MAÍS INFORMACIÓN
www.consellodacultura.gal
difusion@consellodacultura.gal
Consulta os materiais en http://consellodacultura.gal