19:00 horas
Presentación
Dolores Vilavedra, coordinadora da Sección de Artes Escénicas, Musicais e Audiovisuais do CCG
Joám Trillo, músico
Maximino Zumalave, director de orquestra
19:15 horas
Concerto Arriola
- Die tote Stadt (voz e piano)
- Lamento (voz e piano)
- Kleine Fantasie über den Namen Astrid (piano)
- How do I love thee? (voz e piano)
- Song (voz e piano)
- Impresiones Arxentinas: I. Una mañana de agosto soleada (piano)
Brais González
Vigo, 1987.
Comeza os seus estudos de piano na súa cidade natal cos profesores Aleksandras Jurgelionis, Aldona Dvarionaité e Ricardas Biveinis, con quen tamén estuda composición. Continúa a súa formación na Universidade Mozarteum de Salzburgo (Austria) baixo a supervisión do pianista Rolf Plagge, e amplía tamén os seus estudos nos conservatorios superiores de Vigo e Oviedo. Completou a súa formación con profesores e concertistas como Oxhana Yablonskaya (Juilliard School de Nova York), Vitaly Margulis (UCLA), Galina Egiazarova (Escola Superior de Musica Reina Sofía), Luiz de Moura Castro (Hartford School), Jun Kanno, Niklas Sivelov, Leonel Morales, Julius Andrejevas, Rina Dokshitsky, Carles Marqués, Vlad Dumilescu e Luis Fernando Pérez.
En 2013 é premiado na XVIII edición do Concurso Internacional Cidade de San Sebastián. En 2012 obtén o premio 'Gregorio Baudot' no XXVI Concurso Internacional Cidade de Ferrol. Tamén foi galardoado co premio especial da Fundación Musical de Málaga á mellor interpretación de música española no ano 2010. En 2006 obtén o primeiro premio na categoría absoluta do Concurso Internacional "Real Clube Náutico de Vigo". Tamén acadou premios no X Concurso Internacional Ricard Viñes de Lleida (2004), I Concurso Asociación Galega de Intérpretes (2004), XII Concurso Internacional María Campina (Portugal, 2004), Concurso Alto-Minho (Portugal) (2003) e IV Concours International de Piano Nikolai Rubinstein de París (1999).
Actuou como solista en diversas cidades de España, así como en Portugal, Francia, Austria e Alemaña. Centrado no seu labor como pianista acompañante e músico de cámara, o seu traballo en diferentes agrupacións levouno a estar presente nos principais festivais galegos e a actuar tamén en Holanda, Bélxica, Noruega, Polonia, Lituania, Letonia, Estonia, Eslovaquia, Hungría, Serbia, Reino Unido e Italia. Ofreceu recitais de cámara xunto a solistas internacionais como Rusanda Panfili, Dana Zemtsov, Marcelo Nisinman ou Erik Mirzoyan. Como compositor, as súas obras sinfónicas foron interpretadas por distintas orquestras galegas e portuguesas e dirixidas polos mestres Javier Viceiro, Christopher Bochmann e Iminas Kucinskas. Foi director artístico do colectivo artístico afincado en Málaga "Bramnova" e actualmente é fundador e compositor de "Caspervek", formación dedicada a musicalizar cinema mudo en directo coa que actuou nunha ducia de países europeos. Colaborou escribindo a música para distintos espectáculos da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia e con outros colectivos teatrais como CinemaSticado.
Dende 2019 é membro de Bórea, proxecto que intenta achegar a música de cámara ás novas tecnoloxías e ao mundo dixital. Dende 2017 codirixe o programa de radio en liña Anónimo IV, dedicado á investigación e divulgación musical, xunto á musicóloga Erea Carbajales.
Lucía Iglesias García
Lugo, 2000.
Comeza os seus estudos musicais á temperá idade de seis anos. Dous anos despois traballa como figurante na ópera Werther e é aí onde descobre a súa vocación polo canto e a ópera. Forma parte durante nove anos do coro de nenos e mozos da Orquestra Sinfónica de Galicia, onde exerce habitualmente de solista.
Inicia os seus estudos vocais coa mestra Diana Somkhieva. Gaña o concurso de solistas do conservatorio da Coruña e en dúas ocasións o concurso sabadellenco Mirna Lacambra, o que propiciará o seu debut profesional aos 19 anos no papel de Tisbe en La Cenerentola de G. Rossini e o debut como Zweite Dame en Die
Zauberflöte.
Remata os seus estudos profesionais nas especialidades de piano e canto no curso 2019-2020 e recibe o Premio de fin de grao nesta última.
Recibe clases de perfeccionamento vocal dos mestres Manuel Burgueras, Francesca Roig, Daniel Muñoz e Ricardo Estrada, entre outros. Asiste a masterclasses de grandes figuras da ópera como Mariella Devia, Lisette Oropesa, Nadine Sierra e
Deborah Polaski. Ademais dos seus estudos musicais, actualmente prepara o seu debut como Ernestina na ópera L´occasione fa il ladro de G. Rossini, que se representará en distintas cidades catalás e no Festival Rossini de Barcelona nos próximos meses de maio e xuño.