DIA 30 de XUÑO
Publicación do Informe sobre as bandas de música populares en Galicia realizado polo Observatorio da Cultura Galega no web www.consellodacultura.gal
DIA 1 DE XULLO
16:30-18:00 horas
Visión panorámica da evolución das bandas galegas
Beatriz Cancela Montes entrevista a José Iglesias Ramilo
Beatriz Cancela Montes
Santiago, 1981. Diplomada en Educación Musical pola USC e licenciada en Historia e Ciencias da Música pola Universidad de Oviedo, onde se doutorou en 2015 coa tese La Banda Municipal de Música de Santiago de Compostela (1848-2015). En 2009 a Real Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago, en colaboración coa USC, outorgoulle o I Premio de Investigación Histórica Domingo Fontán, o que lle permitiu publicar o seu primeiro libro, Santiago Tafall. Un músico compostelano en los albores del galleguismo (Consorcio/Alvarellos, 2010). Da súa autoría son tamén as seguintes investigacións: La saga Courtier en Galicia (Consorcio/Alvarellos, 2013, en coautoría con Alberto Cancela) e La música en el Burgos napoleónico (Ed. DosSoles, 2014, en coautoría con Cintia González Guerrro). Participa cos seus artigos en numerosas publicacións e revistas especializadas, ademais de colaborar como crítica para a revista de música clásica Codalario e traballar activamente, xunto con Alberto Cancela, no proxecto de recuperación de música galega “Descubrindo as Nosas Músicas”.José Iglesias Ramilo
Valadares, 1956. Aos 11 anos xa formaba parte da Banda de Música Unión Musical de Valadares, como clarinetista, e en 1971, cando contaba tan só 14 anos, é nomeado director desta. No 1978 obtén unha praza de suboficial músico do Exército de Terra tocando o óboe, praza á que renuncia no 1985 para dedicarse plenamente á dirección da citada Unión Musical de Valadares, á Escola de Música de Valadares e á dirección da Coral Polifónica do Centro Cultural de Valadares, ata a súa xubilación, en marzo de 2020.
18:30-20:00 horas
As bandas galegas hoxe: situación actual e retos de futuro
Beatriz Busto entrevista a Javier Viceiro Filgueira
Beatriz Busto
Doutora desde 2016 en Antropoloxía Social pola Universidad Autónoma de Madrid coa tese La Galicia proyectada por NO-DO. La arquitectura del estereotipo musical a partir del uso del folclore musical (1943-1981). O seu labor investigador céntrase no proceso de elaboración dunha narrativa estereotipada de Galicia durante a ditadura franquista. Tamén é licenciada en Antropoloxía Social e Cultural e en Historia e Ciencias da Música pola Universidad Autónoma de Madrid e mestra en Educación Musical pola Universidade de Vigo. Actualmente é investigadora da Rede Galabra, profesora asociada de Antropoloxía Social e Cultural na Facultade de Filosofía da USC e profesora na Escola Municipal de Música de Santiago de Compostela.Javier Viceiro Filgueira
Pontevedra, 1973. No 1997 comeza como director da Banda Municipal de Silleda e na Banda-Escola de Música de Beade. Nos últimos anos, impartiu diversos cursos de dirección musical na Faculdade de Música da Universidade do Minho (Braga, Portugal), no Instituto Piaget (Viseu, Portugal), na Academia de Música de Viana do Castelo, no Conservatorio Superior de Música de Vigo, na Academia Europeia de Direcção de Banda (Fornos de Algodres, Portugal). Na actualidade é profesor de Dirección na Escola Galega de Dirección de Banda (EGADIB), asociada á UNED de Ourense, profesor do Conservatorio Superior de Música de Vigo, así como director titular da Orquestra Filharmónica Cidade de Pontevedra e da Arte Sinfónica-Orquestra da Arteam de Viana do Castelo (Portugal).
LUGAR
Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2º andar
Praza do Obradoiro, s/n
15705 Santiago de Compostela
Tel.: 981 957 202 / Fax: 981 957 205