A preservación do patrimonio sonoro galego en arquivos, museos e fundacións

Venres, 15 de outubro de 2021
Información
Salvagardar os sons naturais e artificiais identificativos de Galicia: o son da paisaxe, a palabra das súas xentes, as voces dos intelectuais, a música que se interpreta, os sons dos oficios... é a razón de ser do Arquivo Sonoro de Galicia (ASG) do Consello da Cultura Galega. Unha iniciativa que responde á sensibilidade impulsada pola UNESCO dende que, en 1980, recoñeceu que os documentos audiovisuais, nos cales se inclúe o son, forman parte da herdanza da humanidade.

Os primeiros pasos para gardar o son apenas teñen cen anos, dende que a radio, a industria discográfica, os artistas sonoros e audiovisuais e mesmo os investigadores da palabra falada comezaron a facer as primeiras gravacións, na maioría dos casos desaparecidas pola falta de sensibilidade ou de medios tecnolóxicos. Coa dixitalización ábrese unha vía para a conservación dos antigos materiais producidos en soportes analóxicos e un camiño para a conservación dos novos, que facilitará a conservación de rexistros sonoros que desaparecen pola evolución fisiolóxica das persoas, o cambio climático ou se extinguen pola evolución tecnolóxica e a desaparición de rutinas produtivas artesanais.

Neste momento, o Arquivo Sonoro de Galicia conta con máis de 50.000 rexistros sonoros, procedentes de adquisicións e doazóns, entre os que se atopan 7000 rexistros das emisións de RNE en Galicia ao longo da segunda metade do século XX. Unha das xoias do ASG é a colección de máis de setecentos discos de pedra producidos en Galicia ou con contidos galegos, moitos dos cales xa se poden oír na web do Arquivo. As “lousas” son pezas únicas, cunha tiraxe de 200 exemplares que non son exactamente iguais entre si. Na maior parte trátase de gravacións impulsadas dende a emigración para levar a América os sons que manteñen vivos os recordos de Galicia.

Este encontro está dirixido a persoal do ámbito arquivístico, comunicativo, investigador, historiador e persoas en xeral interesadas no estudo e a conservación do patrimonio sonoro. Con el preténdese afondar na liña aberta por accións anteriores de concienciación sobre o valor identitario do son e tamén nas técnicas de dixitalización e catalogación das principais institucións do Estado. Contaremos cos especialistas da Biblioteca Nacional de España, Biblioteca de Catalunya, Fundación Barrié, Compañía de RTVG, Museo do Pobo Galego e Museo Etnolóxico de Ribadavia, nunha xornada de intercambio de criterios que nos permitirán coñecer en profundidade e poñer en valor os fondos sonoros galegos existentes nas diferentes institucións.
Ficha técnica
A preservación do patrimonio sonoro galego en arquivos, museos e fundacións Fotografía da portada: Fondo do Arquivo Sonoro de Galicia. Consello da Cultura Galega
A preservación do patrimonio sonoro galego en arquivos, museos e fundacións
Xornada. Venres, 15 de outubro de 2021
Coordinación
Xosé Ramón Pousa
Relator/a
César Llana
María Xesús López Elvira
María Jesús López Lorenzo
Concha Losada
Cristina Pujales
Diego Rodríguez González
Margarida Ullate
Organiza
Arquivo Sonoro de Galicia (CCG)
Consello da Cultura Galega

Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2º andar
Praza do Obradoiro, s/n
15705 Santiago de Compostela
Tel.: 981 957 202 / Fax: 981 957 205