As raíces do pensamento de Simone Weil

9 de novembro de 2021
Información
Moitas son as mulleres que ao longo da historia idearon mundos e xeraron pensamento orixinal sobre as cuestións máis diversas e profundas: o ser humano, a natureza, a sociedade... Porén as súas análises e creacións, e mesmo o seu propio nome, adoitan ser descoñecidas para un público amplo. A finalidade desta xornada é botar luz sobre as raíces do pensamento de Simone Weil e analizar o seu legado nun momento en que tamén se podería dicir que “todo se perdeu” ou está a piques de se perder.

Simone Weil viviu só 34 anos (París, 3 de febreiro de 1909 – Ashford, 24 de agosto de 1943), pero a súa vida foi moi intensa, tanto polo que ten que ver coa súa produción literaria como polo que se refire á diversidade das actividades ás que se dedicou durante a súa curta vida (profesora, obreira, membro da resistencia francesa...).

Ambas as facetas –a filosófica e a vital– están, ademais, en permanente e coherente interacción, o que fai que se lle poidan dedicar de forma simultánea múltiples apelativos: filósofa da liberdade, da atención, do coidado, da revolución, da acción...

Simone de Beauvoir descríbeo, a propósito dun encontro entre as dúas filósofas homónimas, con estas palabras: “Explicoume con ton cortante que unha soa cousa contaba hoxe en toda a Terra: unha revolución que dese de comer a todo o mundo. De maneira non menos perentoria obxecteille que o problema non é facer felices aos homes, senón encontrar un sentido á súa existencia. Ela fitoume: ‘Como se nota que vostede nunca pasou fame’. Este foi o final das nosas relacións”.

Para nós, porén, este é o principio, o estímulo que nos leva a analizar a súa proposta estratéxica, a importancia das organizacións populares no seu pensamento e acción, o seu desenvolvemento da filosofía da atención e o arraigamento dos conceptos de “clase” e “nación”. Se “o desexo é un anhelo do pensamento cara ao porvir”, como afirmou Simone Weil, sen dúbida esta xornada propulsará as raíces do seu pensamento e a súa figura cara aos novos tempos.
Ficha técnica
As raíces do pensamento de Simone Weil
As raíces do pensamento de Simone Weil
Xornada. 9 de novembro de 2021
Coordinación
Celia Pereira Porto
Presenta
María Xosé Agra Romero
Jorge Álvarez Yágüez
Ascensión Cambrón
Juan José Casares Long
Relator/a
Emilia Bea Pérez
Ramón Máiz Suárez
Pau Matheau Ribera
Rosa Rius Gatell
Organiza
Consello da Cultura Galega
Sección de Pensamento (CCG)

Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2º andar
Praza do Obradoiro, s/n
15705 Santiago de Compostela
Tel.: 981 957 202 / Fax: 981 957 205