Filmotecas e patrimonio audiovisual

Xornada

Filmotecas e patrimonio audiovisual

As institucións do futuro. Repensar as institucións culturais desde o paradigma da sustentabilidade

Luns, 14 de marzo de 2022
Santiago de Compostela
Xornada

Filmotecas e patrimonio audiovisual

As institucións do futuro. Repensar as institucións culturais desde o paradigma da sustentabilidade

Luns, 14 de marzo de 2022 Santiago de Compostela
Que ten que ser unha filmoteca hoxe? Que papel real desempeña?

A singularidade das funcións dunha filmoteca ten a súa correlación na necesidade e mesmo prestixio de parte do seu traballo. Isto non é óbice para que existan restricións e un elevado grao de descoñecemento arredor dos seus obxectivos. O Decreto 210/1989 da Xunta de Galicia fixaba a creación da Filmoteca de Galicia (ata hai uns meses, Centro Galego de Artes da Imaxe-CGAI) que foi inaugurada o 15 de marzo de 1991. Máis de trinta anos nos que as súas funcións naturais, o estudo e difusión do cine e a fotografía foron esenciais ao tempo que, coma tantas institucións culturais nos últimos anos, minguaba o seu volume de servizos e recursos. Neste punto, convén trazar moitos interrogantes na procura de respostas. O principal acolle outros moitos: cal pode ser o papel actual dunha institución destas características?

A través dalgúns dos principais axentes deste ámbito, coa presenza de figuras de relevancia internacional pertencentes ás principais filmotecas estatais, Filmoteca Española e Filmoteca de Catalunya, na xornada, baixo o formato de mesas-relatorio, reflexionaremos sobre algunhas das cuestións susceptibles de mellora e chaves no universo destas institucións. Deste xeito, trataremos cuestións esenciais, de enorme utilidade para a pluralidade do sector cultural. Así, a programación e a curadoría transitan unha época de omnipresenza das imaxes, de modificación de hábitos e de espazos de exhibición. A planificación e alcance dos programas educativos subliñan a relevancia da divulgación. A interrelación ou alianza con outras institucións aparece connotada polos límites económicos, namentres o apoio á investigación determina a condición de organismos cun forte compoñente académico.

A xornada ten dúas vías de estudo principais. Por un lado, as liñas xerais que definen (e permiten artellar) proxectos, promoven iniciativas e esbozan os retos futuros, mesmo de diálogo coas administracións públicas; por outro, o estado do patrimonio audiovisual e os arquivos na era dixital, coas correspondentes derivas en termos de recuperación, restauración, conservación e recoñecemento lexislativo. Por último, se toda reflexión sobre patrimonio esixe exemplos prácticos, as principais profesionais de referencia na materia achegarannos as claves dos seus procesos de traballo.
Ficha técnica
Xornada.
Filmotecas e patrimonio audiovisual
As institucións do futuro. Repensar as institucións culturais desde o paradigma da sustentabilidade
Data
Luns, 14 de marzo de 2022
Lugar

Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2º andar
Praza do Obradoiro, s/n
15705 Santiago de Compostela
Tel.: 981 957 202 / Fax: 981 957 205

Coordinación
Sergio Lago
José Manuel Sande
Participante
Sergio Lago
Dolores Vilavedra
Relator/a
Mariona Bruzzo
Josetxo Cerdán
Marián del Egido
Esteve Riambau
José Manuel Sande
Organiza
Comisión Técnica Temporal de Xestión e Políticas Culturais (CCG)
Consello da Cultura Galega

Imaxe da portada: Pontevedra, cuna de Colón (Esp, 1927). Dir: Enrique Barreiro. Primeira película rodada en cor en España. Colaboración coa Filmoteca de Galicia.