Maruja Mallo

Ciclo. Revisando a nosa arte

Maruja Mallo

Revisando a nosa arte

1 de xuño de 2022
Santiago de Compostela
Ciclo
Revisando a nosa arte

Maruja Mallo

Revisando a nosa arte

1 de xuño de 2022 Santiago de Compostela
Continuamos co ciclo “Revisando a nosa arte” cunha xornada centrada en Maruja Mallo, unha das renovadoras da pintura galega do século XX. María Victoria Carballo-Calero Ramos e María Laura Rosa falarán desta figura decisiva para o desenvolvemento da arte galega no século pasado, cuxa obra e vida estiveron comprometidas coa liberdade de creación e de pensamento.

Maruja Mallo (Ana María Gómez González, Viveiro, 1902 – Madrid, 1995) foi unha das principais artistas da Xeración do 27 malia que o relato que aprendemos non inclúe o nome de ningunha muller. Fórmase na Real Academia de Bellas Artes de San Fernando de Madrid, onde mantén unha profunda amizade con Salvador Dalí, aínda que, ao igual que el, abandona os estudos na dita institución debido ao seu constrinxido sistema de ensinanza. Moi pronto é recoñecida como un membro máis da puxante comunidade cultural que enchía cafés, pechaba locais nocturnos e frecuentaba a Institución Libre de Enseñanza e a Residencia de Estudiantes. Nesa etapa marabillosa da súa vida comparte amizade con Dalí, Lorca, Buñuel, Gómez de la Serna, Alberti (de quen é parella) ou Ortega y Gasset.

O seu carácter rebelde maniféstase na súa arte, que non se corresponde cos canons tradicionais do momento e é evidente, tamén, na súa conduta, que despreza a consideración asumida da muller como ente inferior ao varón. Forma parte das “sen sombreiro”, novas intelectuais que escandalizaban á sociedade conservadora do momento por prescindir desta prenda ao saír ás rúas de Madrid. Con ela paseaban Concha Méndez, María Zambrano, Margarita Manso… Amou a Miguel Hernández (ela é “el rayo que no cesa”) e foi amiga de Pablo Neruda, con quen se fotografou na Illa de Pascua en 1945 e nos deixou instantáneas que parecen ilustrar o que Dalí dicía dela: “es mitad ángel, mitad marisco”. Viviu un ano en París, onde integra o grupo surrealista liderado por André Breton. Comprometida coa República, participa como docente nas Misións Pedagóxicas, o que a trae de volta á súa Galicia natal, onde a sorprende a Guerra Civil, da que escapa axudada pola súa amiga Gabriela Mistral. Exíliase durante un cuarto de século e vive en varios países de América do Sur e en Nova York. Volve a Madrid en 1964.

Maruja Mallo é a personificación do espírito da vangarda no seu intento de “cambiar o mundo” e “cambiar a vida”. A súa obra é brillante e nela deixa o mellor de si mesma.
ASISTENCIA
A inscrición é gratuíta.
O número de prazas é limitado.
As prazas cubriranse por rigorosa orde de inscrición.
LUGAR
Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2º andar
Praza do Obradoiro, s/n
15705 Santiago de Compostela
Tel.: 981 957 202 / Fax: 981 957 205
MAÍS INFORMACIÓN
www.consellodacultura.gal
difusion@consellodacultura.gal
Consulta os materiais en http://consellodacultura.gal
Ficha técnica
Ciclo.
Revisando a nosa arte
Maruja Mallo
Revisando a nosa arte
Cando
1 de xuño de 2022
Onde
Santiago de Compostela
Enderezo

Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2º andar
Praza do Obradoiro, s/n
15705 Santiago de Compostela
Tel.: 981 957 202 / Fax: 981 957 205

Coordinación
Asunta Rodríguez
Participante
Victoria Carballo-Calero
María Laura Rosa
Organiza
Consello da Cultura Galega
Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas (CCG)

Imaxe da portada: Manuel Quintana Martelo