Martes, 7 de novembro de 2023Consellodacultura.gal “Bacterias e antibióticos. Do laboratorio á clínica” é o título do novo especial de Proxector, iniciativa que desenvolve o Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG) do Consello da Cultura Galega (CCG) en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela (USC). Nesta nova entrega reúnense unha ducia de recursos audiovisuais que afondan en como se comportan as bacterias, tanto aquelas beneficiosas para o funcionamento do organismo humano como as prexudiciais que causan infeccións. Ademais, tamén se explica a relevancia que tivo o descubrimento da penicilina no tratamento das enfermidades bacterianas. Con este especial, o CCG súmase á celebración do XIV Día da Ciencia en Galego, que organiza IGACIENCIA e que, este ano, homenaxea a Alexander Fleming e Domingo García-Sabell nunha edición que ten por lema “Ano da saúde para todos”.