encontro.

XIII Encontros para a Normalización Lingüística

Na Facultade de Ciencias da Comunicación (Santiago de Compostela), 28 e 29 de abril de 2011
Temáticas: Lingua | Sociedade |
Información

Dirixidos aos profesionais do sector, os expertos e as persoas preocupadas polo galego, os Encontros pola Normalización Lingüística constitúen o único foro regular, convocado anualmente, para o estudo, a reflexión e o debate sobre a planificación lingüística en Galicia e as cuestións relacionadas coa promoción do noso idioma. A presente convocatoria será a décimo terceira, todo un fito indicativo da consolidación e madureza dunha iniciativa que naceu e se vén alimentando das suxestións, propostas e colaboracións de colectivos, profesionais e persoas comprometidas na normalización da lingua. O centro de interese dos Encontros veñen sendo as políticas lingüísticas das administracións públicas, pero considerándoas nun marco social máis amplo, sen perder de vista os asuntos que van gañando relevancia e actualidade.

Os debates sociais e políticos recrudecidos nos anos pasados colocan sobre a mesa a cuestión da lingua como elemento de cohesión social, que será tratado na primeira conferencia. Eses mesmos debates fixeron aflorar actitudes encontradas ante o galego e a normalización lingüística, algunhas das cales permaneceran latentes durante décadas: este será outro dos temas abordados na primeira xornada. Ao final desta, celebrarase unha mesa redonda sobre unha cuestión de importancia estratéxica para o futuro do galego e insuficientemente atendida ata a actualidade: os procesos de desgaleguización e regaleguización da mocidade. Como tema de preocupación tradicional, abordaremos tamén iniciativas para a disponibilización dos recursos para a normalización do galego. Por parte, ao longo do programa serán presentados distinto tipo de recursos. As políticas lingüísticas como políticas públicas, as propostas dos partidos cara ao impulso do galego das administracións locais e a situación do idioma na administración de xustiza serán outros tantos aspectos abordados na segunda xornada.

Co esforzo e a participación de todos e todas, aprendendo da propia experiencia e do coñecemento de experiencias semellantes, mediante a reflexión, o diálogo e a colaboración, esperamos seguir contribuíndo a abrir o camiño da normalización do idioma galego, o que constitúe a grande empresa que nos inspira e nos anima.