En 2011 cúmprense cen anos do nacemento de Álvaro Cunqueiro Mora. Esta conmemoración supón unha oportunidade para revisar o legado do escritor mindoniense, facer balance dos estudos cunqueirianos e propiciar novas aproximacións críticas á súa obra.
A dimensión galega e universal da obra e da figura de Álvaro Cunqueiro convertérono nun factor privilexiado para a proxección de Galicia no mundo. O pensamento e a imaxinación cunqueiriana renovaron a conciencia dos propios galegos sobre si mesmos, establecendo novas pautas que contribuíron a definir a identidade galega e a imaxe do noso país.
Ao longo deste ano están a ter lugar por toda a xeografía galega diferentes actividades para conmemorar a figura do polígrafo mindoniense, entre elas exposicións, faladoiros congresos, roteiros, eventos gastronómicos e representacións teatrais. Por suposto, a música non podía faltar neste programa xa que a obra de Álvaro Cunqueiro serviu de alento e inspiración a grandes intérpretes deste país.
O cantautor Amancio Prada ofrecerá o concerto Camelias para Cunqueiro o venres 10 de xuño ás 21:00 horas no Salón Teatro de Santiago de Compostela, como a súa homenaxe ao creador de obras poéticas tan senlleiras como Herba aquí ou acolá e Dona do corpo delgado.
A sesión foi organizada pola Consellería de Cultura da Xunta de Galicia a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) e en colaboración co Consello da Cultura Galega.
A música ábrese paso deste xeito no programa conmemorativo do Centenario de Cunqueiro (1911-2011). Amancio Prada (voz e guitarra) estará acompañado no concerto por Hilary Fielding (violonchelo) e Josete Ordóñez (guitarra e mandola). O programa incluirá: A dama que ía no branco cabalo, O Cabaleiro da pruma na gorra, No sono do cuco novo, No bico do galo a i-alba, Quechemarín da verde bandeira, Díxenella á rula: pase, miña señora!, Na nao do mar laranxa, Hai unha illa loubada, Outono cedo de gaitas, O río levaba os ollos, A dorna vai e ben, Por oir a unha rula decir de amor e Amor de auga lixeira.