convenios

Dixitalización do arquivo sonoro de RNE en Galicia

9 de outubro de 2010
Dixitalización do arquivo sonoro de RNE en Galicia
Os presidentes do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, e de Radiotelevisión Española, Alberto Oliart, asinaron o martes día 9, ás 10 horas, na Coruña un convenio para a catalogación e dixitalización do arquivo documental do Centro Territorial de Radio Nacional de España en Galicia. En conxunto 3.400 cintas magnetofónicas, 150 discos magneto ópticos, 500 casetes e un importante número de CD´s. Os traballos prolongaranse durante dous anos. Ao acto asistiu tamén o alcalde da Coruña, Javier Losada, que descubreu unha placa conmemorativa dos 25 anos da cesión do Edificio “La Terraza” (paseo de Méndez Núñez, 5) como sede de RNE. O convenio, que o CCG, levará a cabo a través do seu Arquivo Sonoro de Galicia, ten como finalidade contribuir á adecuada recuperación e conservación do patrimonio sonoro de Galicia. Os traballos realizaranse na sede territorial de RNE na Coruña, que aportará os medios técnicos necesarios e facilitará o acceso do personal do CCG aos fondos depositados nas súas instalacións.. Pola súa parte o Consello da Cultura Galega transportará os soportes desde as distintas sedes de RNE en Galicia ao Centro Territorial da Coruña e aportará os medios humanos necesarios para o desenvolvemento das tarefas. Unha comisión de seguimento, integrada por dous representantes de RNE e do CCG, analizará trimestralmente o cumprimento do convenio e facerá o seguimento dos traballos, que deberán rematar a finais de 2012.
Conectate o Consello da Cultura Galega en Facebook, Twitter ou comparte esta nova: