actividade institucional

Renovación da mediateca do CCG

14 de decembro de 2010
Renovación da mediateca do CCG
O Consello da Cultura Galega renovou o pasado 14 de nadal a súa mediateca. O novo sitio web ofrece unha cobertura completa das actividades públicas e das publicacións da institución, creando o principal repositorio existente na rede sobre cultura contemporánea en Galicia. Canda as publicacións de libre descarga, os usuarios poden escoitar e ver as conferencias celebradas e filtrar e descargar os contidos por áreas temáticas. Cun deseño actualizado, a nova Mediateca do CCG está deseñada para ser un espazo de referencia e consulta para quenes desexan profundizar na cultura e na lingua do país. A nova Mediateca é o primeiro paso do novo redeseño do web institucional e aparece como almacén e repositorio do coñecemento que xenera a institución, a través das súas múltiples accións: desde publicacións, documentos e informes ata a dixitalización dos numerosos eventos (conferencias e debates) sobre os grandes temas da cultura galega e universal. Máis de 110 audios, 329 publicacións, vídeos e fichas de máis de 400 expertos son o punto de partida para a nova Mediateca do CCG. Este gran cambio é a resposta a un novo concepto cultural: o aumento dos tempos de lectura e percepción de contidos en pantalla por parte dos usuarios, que nos últimos anos incrementouse sen cesar. A Mediateca refúndase para converterse nunha base de datos accesible desde calquera dispositivo, na que se poden consultar un gran número de referencias. Funciona como aplicación de apoio ao coñecemento e a toma de decisións. Os novos libros electrónicos, e tamén a portabilidade dos formatos multimedia, permiten aos usuarios acceder en calquera punto e con calquer dispositivo aos contidos da Mediateca. Ademáis, o deseño enfatiza o que a nova Mediateca considera importante: as áreas por riba dos formatos nos que estea o contido final. Os usuarios poden recuperar deste modo a produción do CCG a partir de etiquetas temáticas e o sistema devolve publicacións, eventos, ou calquer outro tipo de materiais. No ano 1998 o Consello da Cultura Galega iniciou o seu sitio web. No ano 2000 deu un paso decisivo: permitir o libre acceso e a descarga do inxente material de publicacións da institución. No ano 2002 o CCG decidiu incorporar tamén o seu catálogo ao nacente servizo Google Books. E no 2005 refundou o seu catálogo editorial para comezar a incorporar os primeiros contidos audiovisuais. A nova Mediateca é un paso adiante no proceso de creación de servizos culturais para os cidadáns, un dos obxectivos do traballo do CCG, institución estatuttaria creada en 1983.
Conectate o Consello da Cultura Galega en Facebook, Twitter ou comparte esta nova: