Ao longo do século XX, o ser humano achegou á bagaxe creativa da especie dous únicos novos códigos artísticos plenamente desenvolvidos: o cine e o cómic. Con certos elementos gramaticais en común, a súa sintaxe é, non obstante, moi diferente. A banda deseñada fixo da elipse narrativa, tanto textual como visual, celme e esencia da súa estrutura, e converteuse na máis elíptica das linguaxes manexadas polo home ata o momento. Nestes máis de cen anos, este medio depurou ferramentas expresivas altamente sofisticadas, cunha abraiante capacidade de suxestión e unha formidable potencia de penetración cultural e evolucionou en tres vías ben diferenciadas -e, en certo modo, neste século XXI, concorrentes-: europea, norteamericana e asiática.
España, a partir dos ano 70, e Galicia, a partir dos 90, teñen un lugar destacado no panorama globalizado do cómic. O colectivo multixeracional de artistas, autoras e autores que acadan recoñecemento e ven a súa obra difundida en numerosos países e linguas é máis que significativo.
A crítica teórica e a investigación universitaria sobre o cómic, a través de teses e traballos de doutoramento, comunicacións e informes en congresos, así como a publicación de ensaios e estudos en medios especializados, levan moito tempo sendo abondosas, fondas e rigorosas en Francia, Italia, Alemaña, Estados Unidos, Xapón, etc. O desequilibro existente, tanto en Galicia coma no resto de España, entre tan potente e importante actividade creativa e tan exigua achega teórica ten que ser corrixido.